1
Tocante á vinda de Xesús Cristo, noso Señor e da nosa reunión con El, rogámosvos, irmáns,
2
que non vos axitedes tan axiña no voso modo de pensar, nin vos alarmedes, nin por espírito, nin por palabra, nin por carta coma se fose nosa, no sentido de que o día do Señor xa chegou.
3
Que ninguén vos engane de ningunha maneira! porque iso non sucederá sen que denantes veña a apostasía e sexa manifestado o home da maldade, o fillo da perdición,
4
aquel que se opón e se ergue contra todo o que é chamado Deus ou é digno de adoración, ata chegar a sentarse no templo de Deus, proclamando que el mesmo é Deus.
5
Non lembrades que, cando estaba convosco, xa vos falaba destas cousas?
6
E agora sabedes que é o que o detén, para que sexa revelado no seu tempo.
7
Porque o misterio da iniquidade xa está actuando, mesmo que o que o retén agora un día ha ser quitado do medio.
8
Daquela será revelado o inicuo (a quen o Señor matará cun soprido da súa boca e destruirá co esplendor da súa vinda);
9
a súa chegada é obra de Satanás, e será con toda clase de poderes e sinais milagreiros, e prodixios mentireiros,
10
e con todo engano de iniquidade para aqueles que han perecer: o froito que terán por non acolleren o amor da verdade para ser salvos.
11
Por iso Deus envíalles unha forza enganadora para que crean na mentira, e
12
así serán xulgados todos os que non creron na verdade, senón que se deleitaron na inxustiza.
13
Pero nós debemos dar grazas sempre a Deus por vós, irmáns amados polo Señor, pois Deus escolleuvos como os primeiros para salvación, santificándovos co Espírito e coa fe verdadeira;
14
a iso vos chamou polo noso evanxeo, para acadar a gloria de Xesús Cristo, noso Señor.
15
Polo tanto irmáns, mantédevos firmes e retede as ensinanzas coas que fostes ensinados, tanto de palabra como por carta.
16
E que o noso Señor Xesús Cristo mesmo, e máis Deus noso Pai, quen nos amou e nos deu eterno consolo e boa esperanza pola graza,
17
console os vosos corazóns, fortalecéndovos en toda boa obra e palabra.