Capítulo 1

1 Paulo, Silvano e Timoteo, á igrexa dos tesalonicenses en Deus noso Pai e no Señor Xesús Cristo: 2 graza e paz a vosoutros, de Deus Pai e do Señor Xesús Cristo. 3 Temos que darlle grazas a Deus por vós sempre, porque é xusto, pois a vosa fe vai medrando cada día máis, e o amor que vos tendes uns aos outros segue a aumentar, 4 tanto que nós mesmos nos gabamos de vós nas igrexas de Deus, pola vosa paciencia e fe no medio de tódalas persecucións e tribulacións que estades a soportar. 5 Ese é o sinal do xusto xuízo de Deus para que sexades considerados dignos do reino de Deus, polo que tamén estades a padecer. 6 Xa que é xusto diante de Deus pagar con tribulación a aqueles que vos aflixen e, a vós, 7 que sodes atribulados, darvos acougo connosco, cando se revele o Señor Xesús dende o ceo, cos seus poderosos anxos 8 e con labaradas de lume, para darlles o pago a aqueles que non coñecen a Deus, nin obedecen o evanxeo do noso Señor Xesús. 9 Eles pagarán o castigo da perdición eterna, afastados da presenza do Señor e do seu glorioso poder; 10 cando El veña para ser glorificado polos seus santos, e ser admirado naquel día entre todos os que creron (xa que vós crestes o noso testemuño). 11 Por iso, oramos sempre por vós, para que o noso Deus vos considere dignos do seu chamado e co seu poder faga realidade todo propósito de bondade e a obra da fe; 12 para que o nome do noso Señor Xesús sexa glorificado en vós, e vós nel, conforme a graza do noso Deus e do Señor Xesús Cristo.