1
Todo aquel que cre que Xesús é o Mesías, naceu de Deus e todo o que ama ao Pai, ama tamén ao Fillo nacido del.
2
Nisto coñecemos que amamos aos fillos de Deus, cando amamos a Deus e practicamos os seus mandamentos.
3
Porque este é o amor de Deus: que gardemos os seus mandamentos, e os seus mandamentos non son pesados.
4
Porque todo o que naceu de Deus vence o mundo; e esta é a vitoria que venceu o mundo, a nosa fe.
5
Quen é aquel que vence o mundo senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?
6
Este é o que veu mediante auga e sangue, Xesús Cristo. Non veu soamente pola auga, senón pola auga e o sangue. E o Espírito é o que testemuña, xa que o Espírito é verdade.
7
Porque tres son os que dan testemuño:
8
O Espírito, a auga e mailo sangue, e os tres concordan.
9
Se recibimos o testemuño das persoas, o testemuño de Deus é maior, porque este é o testemuño de Deus: o que nos ten dado acerca do seu Fillo.
10
Quen cre no Fillo de Deus, ten o testemuño dentro de si; o que non cre en Deus, faino mentireiro, porque non creu no testemuño que Deus ten dado sobre o seu Fillo.
11
E nisto consiste o testemuño: que Deus nos deu a vida eterna, e esta vida está no seu Fillo.
12
Quen ten o Fillo ten a vida; quen non ten o Fillo de Deus, non ten a vida.
13
Escríbovos estas cousas a tódolos que credes no nome do Fillo de Deus, para que esteades seguros que tedes vida eterna.
14
Esta é a confianza que temos diante del, que cando pedimos algo conforme coa súa vontade, El escóitanos.
15
E se sabemos que nos escoita en calquera cousa que lle pidamos, sabemos tamén que temos aquilo que lle pedimos.
16
Se alguén ve a seu irmán cometendo un pecado que non leva á morte, suplicará, e Deus daralle a vida (a aqueles que non pecan de morte). Hai pecado que leva á morte, e non digo que pidades sobre el.
17
Toda inxustiza é pecado, pero hai pecado que non leva á morte.
18
Sabemos que todo aquel que naceu de Deus non peca, pois o que foi enxendrado por Deus gárdao, e o maligno non o agarra.
19
Sabemos que nós procedemos de Deus, mentres o mundo enteiro cae baixo o dominio do maligno.
20
Pero sabemos que o Fillo de Deus veu e que nos deu entendemento para que coñezamos quen é o Verdadeiro, e estamos nel: no seu Fillo Xesús Cristo. Este é o Deus verdadeiro e a vida eterna.
21
Meus fillos, gardádevos dos ídolos.