1
Sucedeu naquel tempo que Xudá deixou aos seus irmáns e quedouse cun adulamita chamado Hira.
2
E viu alí Xudá á filla dun home cananeo, chamado Súa, e casou con ela, e durmiu con ela.
3
E ela quedou embarazada e tivo un fillo que foi chamado Er.
4
Quedou embarazada outra vez e tivo un fillo ao que chamou Onán.
5
E de novo volveu dar a luz un fillo e chamouno Sela. Estaba en Quezib cando o deu a luz.
6
Entón Xudá atopou unha esposa para Er, o seu primoxénito. O nome dela era Tamar.
7
Pero Er, o primoxénito de Xudá, era malo aos ollos de IHVH, e IHVH fíxoo morrer.
8
E Xudá díxolle a Onán: "Durme coa muller do teu irmán. Cumpre o deber dun cuñado con ela e cría un fillo para teu irmán."
9
Pero Onán sabía que o fillo non sería del, polo que cando durmía coa esposa do seu irmán vertía o seme no chan, coa fin de non ter un fillo para o seu irmán.
10
E isto que facía foi malo aos ollos de IHVH, e tamén a el fíxoo morrer.
11
Entón Xudá díxolle a Tamar, a súa nora: "Quédate viúva na casa do teu pai ata que o meu fillo Sela medre." Porque temía: "el tamén podería morrer, igual que os seus irmáns." Así que Tamar foise e viviu na casa do seu pai.
12
Despois de moito tempo, a filla de Súa, esposa de Xudá, morreu. Entón Xudá foi consolado e subiu onde os tosquiadores das súas ouvellas en Timnat, el e mailo seu amigo Hira o adulamita.
13
E foille dado aviso a Tamar, dicíndolle: "Mira, o teu sogro está subindo cara Timnat para tosquiar as súas ouvellas."
14
Entón Tamar, vendo que Sela xa medrara, pero que ela non fóra entregada a el como esposa, quitouse as súas roupas de viúva e cubriuse o cabelo e, disfrazada, sentouse á porta de Enaim, que está no camiño cara Timnat.
15
Cando a viu Xudá, pensou que era unha prostituta porque levaba a cara cuberta.
16
El desviouse do camiño onda ela, e díxolle: "Ven, por favor, déixame durmir contigo", pois non sabía que era a súa nora, e ela díxolle: "¿Que me darás para poder durmir comigo?"
17
El dixo: "Eu mesmo enviareiche un cabrito do rabaño." E ela dixo: "¿Darasme unha prenda ata que mo envíes?"
18
El dixo: "¿Que prenda eiche dar?" Ela respondeu: "O teu selo, o teu cordón e o bastón que está na túa man". Entón el deullos e durmiu con ela, e ela quedou embarazada del.
19
Despois ela levantouse e marchou. Quitouse o seu veo e púsoxe a roupa da súa viúvez.
20
E Xudá enviou o cabrito por medio do seu amigo o adulamita, para recibir a prenda de man da muller, pero non a atopou.
21
Entón o adulamita preguntoulles aos homes do lugar: "¿Onde está a prostituta de culto que estivo polo camiño de Enaim?" Eles dixeron: "Non houbo ningunha prostituta de culto por aquí."
22
Deseguido regresou a Xudá, e díxolle: "Non a atopei. Ademáis, os homes do lugar tamén dixeron: Aquí non estivo ningunha prostituta de culto."
23
E Xudá díxolle: "Deixa que se quede coas cousas, para que non sexamos avergoñados. Enviar envieille o cabrito, mais ti non a atopaches."
24
Ao cabo duns tres meses avisaron a Xudá dicíndolles: "Tamar a túa nora cometeu prostitución e incluso está embarazada." Entón dixo Xudá: "Que a traian aquí e a queimen."
25
Pero cando a levaron fóra, ela envioulle unha mensaxe ao seu sogro: "Do home ao que pertencen estas cousas estou eu embarazada." E dixo: "Recoñecede, por favor, de quen son este selo, o cordón e o bastón." Entón
26
Xudá recoñeceunos e dixo: "Ela é máis xusta ca min, porque eu non a din como esposa ao meu fillo Sela." Pero nunca máis volveu durmir con ela.
27
Sucedeu que no tempo de dar a luz, velaí que había xemelgos no seu ventre.
28
E ocorreu que, cando estaba dando a luz, un deles sacou unha man, e a parteira tomou un fío de escarlata e amarroullo na man, dicindo: "Este saiu primeiro."
29
Pero entón este retirou a man e velaí que foi o seu irmán o que saiu primeiro. E a parteira exclamou: "¡Como te abriches camiño!" Por esta razón chamárono Fares.
30
Despois saiu o seu irmán, o que tiña o fío de escarlata na man, e chamárono Zara.