1
Deus, tendo falado hai moito tempo, en moitas ocasións e de moitos xeitos aos pais polos profetas,
2
e nestes últimos días, falounos polo seu Fillo, a quen constutuíu herdeiro de tódalas cousas, por medio de quen tamén fixo o universo;
3
El é o resplandor da súa gloria e a imaxe exacta do seu ser, e sostén tódalas cousas pola palabra do seu poder. Despois de levar a cabo a purificación dos pecados, sentouse á dereita da Maxestade de Deus nas alturas,
4
feito moito máis superior que os anxos, xa que herdou un nome máis excelente que o deles.
5
Porque a cal dos anxos dixo Deus algunha vez: "es o meu fillo, eu enxendreite hoxe", e outra vez: "eu serei seu Pai , e El será meu Fillo?"
6
E outra vez, cando trae ao Primoxénito ao mundo, di: Adóreno tódolos anxos de Deus.
7
E dos anxos di: "o que fai aos seus anxos, espíritos, e aos seus ministros, lapas de lume."
8
Mais do Fillo di: "o teu trono, oh Deus, é polos séculos, e o cetro da rectitude é o cetro do teu reino.
9
Amaches a xustiza e aborreciches a iniquidade; polo que Deus, o teu Deus, unxiute co óleo da alegría máis que aos teus compañeiros."
10
E: "ti, Señor, no principio cimentaches a terra, e os ceos son feitura das túas mans;
11
eles pasarán, mais ti permaneces; e todos eles envellecerán como roupa,
12
e os enrolarás como se fose un manto; e cambiarán coma se fose roupa. Mais ti es o mesmo e os teus anos non terán fin".
13
Pois, a cal dos anxos dixo algunha vez: "senta á miña dereita ata que poña aos teus inimigos por estrado para os teus pés?"
14
Non son eles espíritos ministradores, enviados para servir aos que herdarán a salvación?