1
En verdade, en verdade vos digo: o que non entra pola porta no curral das ovellas, e sobe pola outra parte, ese é ladrón e bandido.
2
Pero o que entra pola porta é o pastor das ovellas.
3
O porteiro abre a este, e as ovellas ouven a súa voz; chama as súas ovellas por nome, e guíaas para fora.
4
Cando saca todas as súas, vai diante delas, e as ovellas sígueno, porque coñecen a súa voz.
5
Pero a un estraño non han seguir, senón que fuxirán del, porque non coñecen a voz dos estraños.
6
Xesús faloulles por medio desta parábola, , pero eles non entenderon o que lles quería dicir.
7
Entón Xesús díxolles outra vez: En verdade, en verdade vos digo: eu son a porta das ovellas.
8
Todos os que viñeron antes de min son ladróns e bandidos, pero as ovellas non os escoitaron.
9
Eu son a porta; se algún entra por min, será salvo; e entrará e sairá e atopará pasto.
10
O ladrón só vén para roubar, matar e destruir; eu viñen para que teñan vida e a teñan en abundancia.
11
Eu son o bo pastor; o bo pastor dá a súa vida polas ovellas.
12
Pero o que é xornaleiro e non é pastor, que non é o dono das ovellas, ve o lobo que vén, foxe e deixa as ovellas, e o lobo quítaas e dispérsaas.
13
El foxe porque só traballa pola paga e as ovellas tanto lle teñen.
14
Eu son o bo pastor , e coñezo as miñas ovellas, e as miñas recoñécenme,
15
de igual modo que o Pai me coñece e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas.
16
Teño outras ovellas que non son deste curral; a estas tamén teño que traer e han ouvir a miña voz, e serán un rebaño cun só pastor.
17
Por iso o Pai ámame. Porque dou a miña vida para tomala outra vez.
18
Ninguén ma quita, senón que eu a dou por vontade propia. Teño autoridade para dala, e teño autoridade para tomala outra vez.Este mandamento recibín do meu Pai.
19
Outra vez volveu a división entre os xudeus por estas palabras.
20
E moitos deles dicían: Ten un demo no corpo e está tolo. Por que lle facedes caso?.
21
Outros dicían: Estas palabras non son as dun endemoniado. Pode un demo abrir os ollos dos cegos?
22
Neses días celebrábase en Xerusalém a festa da Dedicación.
23
Era inverno e Xesús andaba polo templo, no pórtico de Salomón.
24
Entón os xudeus rodeárono e dicíanlle: Até cando te vas facer de rogar?. Se ti es o Cristo, dínolo con claridade.
25
Xesús respondeulles: Xa volo dixen e non credes; as obras que fago no nome do meu Pai, esas testemuñan de min.
26
Pero vós non credes porque non sodes das miñas ovellas.
27
As miñas ovellas ouven a miña voz, e eu coñézoas e síguenme.
28
E eu doulles vida eterna e non han perecer nunca, e ninguén mas poderá quitar da miña man.
29
O que o meu Pai me deu é maior que todo e ninguén poderá quitalo das mans do meu Pai.
30
Eu e o Pai somos un.
31
Os xudeus tomaron pedras para llas lanzar.
32
Xesús díxolles: Mostreivos moitas obras boas que son do pai, por cal delas me apedrexades?.
33
Os xudeus contestáronlle: non te lapidamos por ningunha obra boa senón por blasfemia; e porque ti, sendo home, faste Deus.
34
Xesús díxolles: Non está escrito na vosa lei: Eu dixen: Sodes Deuses?.
35
Se aqueles, aos que a Palabra de Deus chegou, chamou deuses( e a Escritura non se pode violar);
36
quen o Pai santificou e enviou ao mundo, vós dicides: "Blasfemas", porque dixen " Eu son o Fillo de Deus"?.
37
Se non fago as obras do meu Pai, non creades en min;
38
pero se as fago, aínda que non creades en min, crede as obras; para que saibades e entendades que o Pai está en min e eu no Pai.
39
Por iso procuraban prendelo otra vez, pero escapóuselle das mans.
40
Marchou outra vez para o outro lado do Xordán, ao lugar onde Xoán estivera bautizando, e ficou alí.
41
Moitos viñeron a el e dicían: Xoán non fixo ningún sinal, porén, todo o que dixo Xoán de este, era verdade.
42
E moitos alí creron nel.