1
Meus irmáns e pais, escoitade agora a miña defensa diante de vós.
2
Oíndo eles que falaba en hebreo, calaron; e dixo el:
3
Eu son xudeu, nado en Tarso de Cilicia, pero criado nesta vila, ensinado aos pés de Gamaliel instruído en todo o rigor da lei ancestral, sendo tan celoso de Deus coma todos vós.
4
Perseguín este Camiño a morte, atando e metendo no cárcere tanto a homes coma a mulleres,
5
do que poden dar testemuña o sumo sacerdote mailo consello dos anciáns. Tamén recibín cartas deles para os irmáns, e saín cara Damasco a fin de traer presos a Xerusalén aos que estaban aló, para que foran castigados.
6
E cando ía de camiño, estando xa preto de Damasco, como ao mediodía, de súpeto unha luz moi brillante do ceo resplandeceu arredor de min,
7
e caín no chan, e oín unha voz que me dicía: "Saulo, Saulo, por que me persigues?"
8
E respondín: "Quen es, Señor?" e El díxome: "Eu son Xesús o Nazareno, a quen ti persigues".
9
E os que estaban comigo efectivamente viron a luz, mais non escoitaron a voz de quen estaba a falar comigo.
10
Entón eu dixen: "Que debo facer, Señor?" e o Señor díxome: "Érguete e vai a Damasco ; alí diráseche todo o que se dispuxo que fagas.
11
Pero como eu non vía polo resplandor daquela luz, os que estaban comigo, leváronme da man e entrei en Damasco.
12
Entón, un tal Ananías, home piadoso segundo as normas da lei, e de quen daban bo testemuño todos os xudeus que vivían alí,
13
achegouse a min, e poñéndose á beira miña, díxome: "Irmán Saulo, recupera a vista". E nese mesmo intre mirei para el.
14
Entón el dixo: "O Deus dos nosos pais designoute para que coñezas a súa vontade, vexas ao Xusto, e oias a voz da súa boca.
15
Porque lle serás testemuña a todas as persoas do que viches e oiches.
16
E agora, a que agardas? Érguete e bautízate e lava os teus pecados invocando o seu nome".
17
E aconteceu que cando cheguei de volta a Xerusalén, mentres oraba no templo, caín nun éxtase,
18
e vin ao Señor que me dicía: "Apresúrate e sae pronto de Xerusalén porque non van recibir o teu testemuño acerca de min."
19
E dixen eu: "Señor, eles saben de sobra que sinagoga tras sinagoga eu metía presos e zoscaba aos que crían en ti.
20
E cando se vertía o sangue de Esteban, testemuña túa, tamén eu estaba alí dando a miña aprobación, e coidando os mantos dos que o estaban a matar.
21
Pero El díxome: "Vai, porque eu voute mandar lonxe, aos xentís."
22
Escoitárono ata que dixo isto, entón, levantaron a voz e dixeron: Quita da terra a este individuo! non se lle debe permitir que viva.
23
Como eles berraban, e tiraban os seus mantos, espallando o pó polo aire,
24
o tribuno mandou que o meteran na fortaleza, dicindo que o atormetaran con azoutes para descubrir a razón pola que berraban na súa contra daquel xeito.
25
Pero cando o estaban atando con correas, Pablo díxolle ao centurión alí presente: será que poidades azoutar a un cidadán romano sen facerlle un xuízo?
26
Escoitando isto o centurión, foi onda o tribuno e avisoulle, dicindo: que vas facer? mira que este home é romano.
27
E achegouse o tribuno a Pablo e díxolle: Dime, es ti romano?, e el dixo: sí.
28
E o tribuno respondeu: Eu,cunha grande suma, adquirín esta cidadanía. E Pablo dixo: Pois eu son cidadán de nacemento.
29
Entón os que ían a azoutalo para interrogalo, soltárono ao momento; e tamén o tribuno, sabendo que o tivera atado, colleu medo ao saber que era romano.
30
Ao día seguinte, querendo saber de seguro por que o acusaban os xudeus, desatouno e ordenoulles aos principais sacerdotes e a todo o consello que se reuniran; e sacando a Pablo, púxoo diante deles.