1
Eu mesmo, Paulo, prégovos pola mansedume e tenrura de Cristo, eu, que en persoa son manso e apacible cando estou convosco, pero ousado para vós cando estou ausente;
2
suplícovos, pois, que non teña que actuar ousadamente, coa confianza coa que penso atreverme contra algúns que nos consideran coma se vivisemos segundo a carne.
3
Pois aínda que andamos na carne, non loitamos segundo a carne;
4
porque as armas do noso exército non son carnais, senón poderosas en Deus para a destrución de fortalezas;
5
destruíndo razoamentos e toda arrogancia que se levanta en contra do coñecemento de Deus, e levando cativo todo pensamento á obediencia de Cristo,
6
e estando preparados para castigar toda desobediencia, cando a vosa obediencia sexa plena.
7
Vós védelas cousas segundo o seu parecer exterior. Se algún ten confianza en si mesmo que é de Cristo, teña en conta isto dentro de si outra vez: que así coma el é de Cristo, tamén o somos nós.
8
Pois mesmo que presumira algo máis sobre a nosa autoridade, que o Señor nos deu para edificación e non para vosa destrución, non me hei avergoñar,
9
para que non dea a impresión de que desexo asustarvos coas miñas cartas.
10
Porque eles din: "as cartas son duras e pesadas, pero a presenza física, é feble, e o discurso menospreciado".
11
Teña isto en conta tal persoa: que o que somos en palabra por carta, estando ausentes, o somos tamén en feitos, estando presentes.
12
Porque non nos atrevemos a contarnos nen a compararnos con algúns que se louban a si mesmos; pero eles medíndose a si mesmos e comparándose consigo mesmos, teñen falta de entendemento.
13
Mais nós non habemos gloriarnos desmesuradamente, senón segundo a medida do límite que Deus nos asignou para mesmo chegar a vosoutros.
14
Pois non nos extralimitamos a nós mesmos, coma se non vos tiveramos alcanzado, xa que nós fomos os primeiros en chegar onda vós co evanxeo de Cristo;
15
non nos ensoberbecemos de máis nos traballos de outros, senón tendo a esperanza de que conforme creza a vosa fe, nós seremos, dentro dos nosos límites, engrandecidos máis aínda por vosoutros,
16
para anunciar o evanxeo aínda ás rexións máis aló de vós, e para non gloriarnos no que xa estea feito nos límites doutro.
17
Pero o que se gloría, gloríese no Señor.
18
Porque o que se louba a si mesmo non é aprobado, senón aquel a quen o Señor louba.