1
Foi visto no ceo un gran sinal; unha muller vestida do sol, coa lúa baixo os seus pés, e unha coroa de doce estrelas sobre a súa cabeza:
2
e estando embarazada, berra cos dores de parto, agoniada por dar a luz.
3
E foi visto outro sinal no ceo: un gran dragón vermello que tiña sete cabezas e dez cornos, e sobre as súas cabezas había sete diademas.
4
A súa cola arrastraba a terceira parte das estrelas do ceo e lanzounas sobre a terra. E o dragón parouse diante da muller que estaba para dar a luz, coa fin de devorar o seu fillo cando dese a luz.
5
E ela deu a luz a un varón, que ha rexir a tódalas nacións con vara de ferro, e seu fillo foi arrebatado ata Deus e ata o seu trono.
6
E a muller fuxiu ao deserto, onde tiña un lugar preparado por Deus, para ser sostida alí por mil douscentos sesenta días.
7
Entón houbo guerra no ceo: Miguel e os seus anxos loitaron contra o dragón. E o dragón e os seus anxos loitaron,
8
pero non foron fortes abondo, e xa non se atopou o seu lugar no ceo.
9
E foi lanzado o gran dragón, a serpe antiga que se chama Diaño e Satanás, que engana ao mundo enteiro; foi lanzado á terra e os seus anxos foron lanzados canda el.
10
E escoitei unha gran voz no ceo, que dicía:
-Nestre intre chegou a salvación, o poder e o reino do noso Deus e a autoridade do seu Unxido, porque o acusador dos nosos irmáns, o que os acusa diante do noso Deus día e noite, foi lanzado.
11
E eles acadaron a vitoria por medio do sangue do Año e pola palabra do testemuño deles, e non amaron as súas vidas, mesmo até a morte.
12
Polo tanto, alegrádevos, ceos, e os que vivides neles. Ai da terra e do mar! Porque o diaño baixou onda vós enfurecido, sabendo que ten pouco tempo.
13
Cando o dragón viu que fora lanzado á terra, perseguiu á muller que deu a luz o varón.
14
Pero á muller fóronlle dadas dúas ás coma dunha grande aguia, para que voara lonxe da presenza da serpe, ao deserto, ao seu lugar, onde foi sostida por un tempo, tempo e medio tempo.
15
E a serpe lanzou da súa boca, trala muller, auga coma un río, para facer que fora arrastrada pola corrente.
16
Pero a terra axudou á muller, e a terra abriu a súa boca e tragou o río que o dragón lanzara pola súa boca.
17
Entón o dragón enfureceuse contra a muller, e saíu para facer guerra contra o resto da súa descendencia, os que gardan os mandamentos de Deus e teñen o testemuño de Xesús.
18
E parouse sobre a area do mar.