1
Déuseme unha cana de medir semellante a unha vara, dicíndome: -Érguete e mide o templo de Deus e o altar, e os que adoran nel;
2
pero o patio do santuario déixao fóra e non o midas, porque foi entregado aos xentís, e eles profanarán a cidade santa por corenta e dous meses.
3
E darei ás miñas dúas testemuñas, e profetizarán por mil douscentos sesenta días, vestidos de cilicio.
4
Estes son as dúas oliveiras e os dous candeeiros que están en pé diante do Señor de toda a terra.
5
Se algún lles procura mal, un lume que sae das súas bocas devora os seus inimigos; se algún lles quere facer mal morrerán do mesmo xeito.
6
Estes teñen poder para fechar o ceo para que non chova durante os días que eles profeticen, e teñen poder sobre as augas para convertelas en sangue, e para ferir a terra con toda sorte de pragas, cantas veces queiran.
7
Cando rematen o seu testemuño, a besta que sobe do abismo, fará guerra contra eles, e vencerá, e mataraos.
8
E os seus cadáveres xacerán na praza da gran cidade, espiritualmente chamada Sodoma, e Exipto, onde tamén foi crucificado o Señor deles.
9
E os dos pobos, tribos, linguas e nacións, contemplarán os cadáveres por tres días e medio e non permitirán que sexan sepultados.
10
E os que viven na terra estarán alegres e festexando sobre eles, agasallándose uns aos outros, porque eles atormentaban aos que viven na terra.
11
Pero despois de tres días e medio, entrou neles un alento de vida que viña de Deus e puxéronse en pé, e colleron grande medo os que os viron.
12
E escoitaron unha grande voz do ceo que lles dicía: -Subide acó! E subiron ao ceo na nube e foron contemplados polos seus inimigos.
13
Naquela hora houbo un gran terremoto, e derrubouse a décima parte da cidade, e no terremoto morreron sete mil persoas, e os demais enchéronse de medo, e deron gloria ao Deus do ceo.
14
O segundo "ai"! Pasou, velaí o terceiro "ai"! Vén axiña.
15
O sétimo anxo tocou a trompeta, e houbo grandes voces no ceo, que dicían: o reino do mundo veu a ser o reino do noso Señor e do seu Unxido; e El reinará polos séculos dos séculos.
16
E os vintecatro anciáns que estaban sentados diante de Deus nos seus tronos, prostráronse sobre as suas facianas e adoraron a Deus,
17
dicindo: -Dámosche grazas Señor Deus Todopoderoso, o que
es e que eras, porque tomaches o teu gran poder e reinas.
18
E enfurecéronse as nacións, pero xa chegou a túa cólera, e o tempo dos mortos ser xulgados, e de dalo galardón aos teus servos os profetas, e aos santos, e aos que temen o teu nome, aos pequenos e mailos grandes, e de destruír os que destrúen a terra.
19
E abriuse o santuario de Deus no ceo, e foi vista no seu santuario a arca do seu pacto, e houbo lóstregos, e voces, e tronidos, e un terremoto e saraibada.