1 Nin a neve é para o verán, nin a choiva para a colleita, nin a honra é apropiada para o necio. 2 Coma pardal que bate as ás e a anduriña que voa así a maldición non vén sen causa. 3 O látego é para o cabalo, a brida para o asno, e a vara para as costas do necio. 4 Non respondas ao necio segundo a súa necedade, para que non sexas ti tamén coma el. 5 Responde ao necio segundo merece a súa tolemia, para que non sexa sabio aos seus propios ollos. 6 O que manda recado pola man do necio corta os seus pés e bebe prexuicio para si. 7 Ao tolleito cólganlle as pernas, ao necio o proverbio na boca. 8 Pretende suxeitar unha pedra no tirapedras, aquel que lle dá honra ao necio. 9 Coma espiña que se crava na man dun borracho, tal é o proverbio na boca do necio. 10 Coma o arqueiro que dispara contra calquera, así é o que contrata a insensatos e vagabundos. 11 Coma o can que volve ao seu vómito é o necio que repite as súas necedades. 12 Viches un home que se ten por sabio na sua propia opinión? Hai máis esperanza para o necio que para el. 13 O preguiceiro di: hai un león no camiño; hai unha fera na rúa. 14 Como a porta que xira nos seus gonzos, así é o preguiceiro na súa cama. 15 O preguiceiro mete a man no prato e aínda cansa de levala á boca. 16 O preguiceiro pensa que é máis sabio que sete que dan unha resposta correcta. 17 Coma o que colle un can polas orellas, así é o que se mete nunha disputa que non é súa. 18 Coma tolo que lanza fachicos e frechas mortais, 19 así é o home que engana ao seu amigo, e despois di: era brincando! 20 Sen madeira apágase o lume, e onde non hai chismoso, acouga a disputa. 21 Coma o fol para as brasas e a madeira para o lume, así é o rifante para prender loitas. 22 As palabras do chismoso son coma bocados deliciosos, que penetran ata o fondo das tripas. 23 Coma vaso de barro revestido de escoura de prata, así son os beizos ardentes e o corazón perverso. 24 O que odia, disimula cos seus beizos, pero no seu corazón está a tramar engano. 25 Aínda que a súa voz sexa agradable, non o creas, pois hai sete abominacións no seu corazón. 26 Aínda que o seu odio se cubra con engano, a súa perversidade será descuberta na asemblea. 27 O que cave un foso caerá nel, e o que faga arrolar unha pedra, halle caer enriba. 28 A lingua mentireira duplica os danos, e a boca aduladora causa a ruína.