Capítulo 24

1 Non teñas envexa dos malvados, nin desexes estar con eles, 2 porque o seu corazón maquina violencia, e os seus beizos falan de facer mal. 3 Con sabedoría se edifica unha casa, e con prudencia afírmase; 4 co coñecemento enchéronse as cámaras de todo ben precioso e desexable. 5 O home sabio é forte, e a persoa de saber aumenta o seu poder. 6 Con sabios consellos farás a guerra, e na multitude de conselleiros está a victoria. 7 Moi alta é a sabedoría para o necio, na porta non abrirá a súa boca. 8 Ao que trama facer o mal, chamarano intrigante. 9 O pensamento do insensato é pecado, e o faltón é detestado por todos. 10 Se es feble no día da angustia, a túa forza é limitada. 11 Libra os que son arrastrados á morte! Rescata os que van a ser degolados! 12 Se dis: mira, non sabiamos disto! Non o ten en conta o que sonda os corazóns? Non o sabe o que garda a túa alma e paga a cada un segundo as súas obras? 13 Come o mel, meu fillo, porque é bo; si, o mel do panal é doce ao teu padal. 14 Que saibas que dese xeito será a sabedoría para a túa alma. Se a atopas, haberá un futuro, e a túa esperanza non será frustrada. 15 Non axexes, malvado, a morada do xusto, non destrúas o seu lugar de repouso; 16 porque o xusto cae sete veces e volve levantarse, pero os malvados caerán na desgraza. 17 Non te alegres cando caia o teu inimigo, e que o teu corazón non se alegre cando tropece; 18 non sexa que Iahveh o vexa e lle desagrade, e aparte del a súa xenreira cara ti. 19 Non te impacientes por mor dos malfeitores, nin teñas envexa dos malvados, 20 porque non haberá futuro para o malo. A lámpada dos malvados será apagada. 21 Meu fillo, teme a Iahveh e o rei; non te xuntes cos sediciosos; 22 Porque a súa calamidade vai vir de súpeto, e o castigo que vén dos dous, quen a sabe? 23 Tamén estes son ditos dos sabios: Non é bo ter favoritos no xuízo. 24 A aquel que lle di ao rei malvado: ti es xusto, o maldicirán os pobos e as nacións aborrecerano. 25 Mais os que deciden con xustiza terán felicidade, e sobre eles virá abundante bendición. 26 O que dá unha resposta xusta, bica os beizos. 27 Ordena os teus traballos de fóra, e fai plans para ti no campo; e despois edificarás a túa casa. 28 Non sexas testemuña contra o teu próximo sen causa, e non enganes cos teus beizos. 29 Non digas: como el me fixo, así lle farei; pagarei ao home segundo a súa obra. 30 Pasei polo campo do preguiceiro, xunto á viña dun home sen entendemento, 31 e velaí, estaba todo cheo de cardos, a súa superficie cuberta de ortigas, e o seu muro de pedras, derrubado. 32 Cando o vin, meditei sobre el; mirei, e aprendín a lección. 33 Un pouco de sono, un pouco de durmir, un pouco de cruzar as mans para descansar, 34 e a tua miseria chegará coma un ladrón, e a túa necesidade coma un home armado.