1 Cando te sentas a comer cun gobernante, considera ben o que está diante de ti, 2 e pon coitelo á túa gorxa, se es home de moito apetito. 3 Non desexes os seus manxares, porque é alimento enganoso. 4 Non te fatigues en acadar riquezas, sé prudente e desiste. 5 Cando poñas os teus ollos nelas, xa non están. Porque a riqueza bota ás coma unha aguia que voa cara os ceos. 6 Non te poñas a comer pan co avarento, nin desexes os seus manxares; 7 pois como pensa dentro de si, así é. Hache dicir: come e bebe, pero o seu corazón non está contigo. 8 Vomitarás o bocado que comiches, e malgastarás os teus afagos. 9 Non fales aos oídos do necio, porque desprezará a sabedoría das túas palabras. 10 Non movas o límite antigo, nin entres na herdanza dos orfos, 11 Porque o seu Redentor é forte; El defenderá a súa causa contra ti. 12 Aplica o teu corazón á instrución e os teus ouvidos ás palabras sabias. 13 Non escatimes a disciplina do neno; aínda que o castiges con vara, non morrerá. 14 Castigaralo con vara, e librarás a súa alma do Sheol. 15 Meu fillo, se o teu corazón chega a ser sabio, o meu corazón tamén se alegrará; 16 e alegraranse os meus riles cando os teus beizos falen o que é recto. 17 Non teñas envexa dos pecadores, mellor persevera no temor de Iahveh sempre; 18 Porque de certo que hai un futuro, e a túa esperanza non será frustrada. 19 Escoita, meu fillo, e sé sabio, e dirixe o teu corazón polo bo camiño. 20 Non te xuntes cos bebedores de viño, nin cos comilóns de carne, 21 porque o borracho e o papador empobrecerán, e o dormitar fai vestir de farrapos. 22 Escoita a teu pai, que te enxendrou, e non despreces a túa nai cando envelleza. 23 Merca a verdade e non a vendas; adquire sabedoría, instrución e prudencia. 24 O pai do xusto alegraráse moito, e o que enxendra o sabio gozarase nel. 25 Que se alegre o teu pai e a túa nai, e que se alegre a que te deu a luz! 26 Dáme, meu fillo, o teu corazón, e que os teus ollos se deleiten nos meus camiños. 27 Porque foso profundo é a prostituta, e pozo angustioso é a muller allea. 28 Certamente como ladrón axexa, e multiplica as traizóns entre os homes. 29 De quen son os aies? De quen as tristuras? De quen as loitas? De quen as queixas? De quen as feridas sen causa? De quen os ollos vermellos? 30 Dos que se demoran no viño, dos que van a catar os viños mesturados. 31 Non mires o viño cando arroiba, e reloce na cunca porque entra dun xeito suave, 32 pero ao final morde como unha serpe, e pica coma unha víbora. 33 Os teus ollos desexarán á muller doutro, e o teu corazón falará perversidades. 34 E serás coma o que se deita no medio do mar, ou coma o que durme no alto dun mastro. 35 E dirás: feríronme, pero non me doeu; golpeáronme, pero non o sentín. Tan pronto como esperte, volverei buscar máis.