1
Meu fillo, se recibes as miñas palabras e gardas os meus mandamentos dentro de ti,
2
facendo caso da sabedoría, e inclinando o teu corazón ao entendemento;
3
se clamas á prudencia e alzas a túa voz ao entendemento,
4
se a procuras coma a prata, e a rebuscas coma a tesouros escondidos,
5
entón entenderás o temor de Iahveh, e descubrirás o coñecemento de Deus.
6
Porque Iahveh dá sabedoría; da súa boca veñen a ciencia e a intelixencia.
7
El reserva o acerto para os rectos, é escudo para os que andan en integridade,
8
garda os vieiros da xustiza, e preserva o camiño dos seus santos.
9
Entón discernirás xustiza e o dereito, a equidade, e todo bo vieiro;
10
porque a sabedoría entrará no teu corazón, e o coñecemento será grato á túa alma;
11
a discreción velará sobre ti, e a prudencia hache gardar,
12
para te librar do vieiro do mal, da xente que fala cousas perversas;
13
dos que deixan os vieiros da rectitude para andaren polos camiños escurecidos;
14
dos que se deleitan en facer o mal e alégranse nas perversidades do mal,
15
os seus vieiros son torcidos, e os seus camiños perdidos.
16
Ela librarache da muller estrana, da descoñecida que te adula coas súas palabras,
17
a que abandona o compañeiro da súa mocidade, e esquece o pacto do seu Deus;
18
Porque a súa casa inclínase cara a morte, e as súa sendas cara os mortos;
19
todos os que entran nel, non volven, nin retornan os vieiros da vida.
20
Así andarás no bo camiño, e gardarás os vieiros dos xustos;
21
porque os rectos habitarán na terra, e os de corazón limpo permanecerán nela;
22
pero os malvados serán cortados da terra, e os perversos serán desenraizados dela.