1 Mellor é un bocado seco e en paz, que unha casa chea de banquetes e de liortas. 2 O servo prudente prevalecerá sobre o fillo sen honra, e compartirá a herdanza cos irmáns. 3 O crisol é para a prata e o forno para o ouro, pero Iahveh proba os corazóns. 4 O malvado escoita os beizos perversos, o mentireiro presta atención á lingua destrutora. 5 O que se burla do pobre avergoña ao seu creador; o que se alegra na súa desgraza non quedará sen castigo. 6 Coroa dos anciáns son os fillos dos fillos, e a gloria dos fillos son seus pais. 7 Non lle convén ao necio as palabras elocuentes, e moito menos ao príncipe os beizos mentireiros! 8 O suborno parécelle algo máxico a quen o dá, pode conseguir canto se propoña 9 O que cobre unha falta busca amizade, pero o que repite o asunto separa os mellores amigos. 10 Aprovéitalle máis unha soa reprensión a que ten entendemento que cen azoutes ao necio. 11 O rebelde só busca liortas, e un alguacil implacable ha ser enviado contra el. 12 Mellor é atoparse cunha osa privada dos seus cachorros, que cun necio empeñado na súa necedade. 13 Ao que devolve mal por ben, o mal non se afastará da súa casa. 14 O comezo da disputa é coma soltar as augas; deixa, pois, a loita antes que comece. 15 O que xustifica o malvado, e o que condena o xusto, ambos son igualmente abominables a Iahveh. 16 De que serve o diñeiro na man do necio para mercar sabedoría cando non ten entendemento? 17 O amigo ama en todo tempo, e o irmán nace para o tempo da adversidade. 18 O que non ten entendemento comprométese, e sae fiador en favor do seu próximo. 19 O que ama a disputa, ama a transgresión; e quen abre moito a súa porta, anda a procura da súa ruína. 20 O de corazón pervertido nunca atopa o ben, e o de lingua retorta cae na desgraza. 21 O que enxendra un necio, para a súa tristura o enxendrou, e o pai do necio non terá ledicia. 22 O corazón ledo é unha boa menciña, pero o espírito quebrantado seca os ósos. 23 O malvado recibe suborno debaixo da mesa, para perverter os vieiros da xustiza. 24 No rostro do intelixente amósase a sabedoría, mais os ollos do necio vagan polo infinito. 25 O fillo necio é un pesadelo para o seu pai, e amargura para a que o deu a luz. 26 É certo que non é bo condenar o xusto, nin ferir as boas persoas que fan o que é recto. 27 O que mide as súas palabras sabe o que fai, e o de espírito sereno non se acalora. 28 Aínda o necio, cando cala, é tido por sabio, e o que pecha os seus beizos é prudente.