1 A Palabra de Iahveh veu sobre Miqueas de Moréset nos días de Iotam, Acaz e Ezequías, reis de Xudá; e a visión tiña que ver con Samaria e Xerusalem. 2 Escoitade, todos os pobos, escoita terra e todo o que hai en ti; que Iahveh o Señor sexa testemuña contra vós. Si, o Señor dende o seu santo templo. 3 Mirade: Iahveh sae do seu lugar; ha descender e pisar as alturas da terra. 4 Debaixo del hanse derreter os montes, e os vales serán fendidos, como a cera diante do lume, como as augas vertidas por unha ladeira. 5 Todo isto por mor da rebelión de Xacob e polos pecados da casa de Israel. Cal é a rebelión de Xacob? Non é Samaria? Cal é o lugar alto de Xudá? Non é Xerusalem? 6 Por iso farei de Samaria unha ruína, un campo para plantar viñedos, espallarei as súas pedras no val, e porei o descuberto os seus cimentos. 7 Todos os seus ídolos han ser destruídos, e todas os seus beneficios han ser queimados polo lume e hei desvastar todas as súas imaxes, porque xuntounas de beneficios da rameira, e os beneficios da rameira volverán. 8 Por iso heime lamentar e xemer, hei andar descalzo e espido, hei ouvear coma chacais e lamentar coma avestruces 9 porque a súa ferida é incurable pois chegou ata Xudá; achegouse á porta do meu pobo, ata Xerusalem. 10 En Gat non o anunciedes nin choredes, ronda no po en Bet-le-afrá! 11 Vai á catividade habitante de Safir, en vergoñenta nudez! Os que viven en Zaanán non son quen de fuxir. O lamento de Bet-esel é o que vos ha quitar o seu apoio. 12 Como agarda o ben a que vive en Marot, se de parte de Iahveh baixou o mal ata a porta de Xerusalem? 13 Unxide os máis rápidos corceis ao carro, habitantes de Laquis! Alí comezou o pecado de Sión, alí foron atopadas as rebelións de Israel. 14 Restituíde, polo tanto, a dote a Moréset-gat; pois as casas de Aczib defraudaron os reis de Israel. 15 Vou traer contra ti un herdeiro, oh habitante de Maresa, e a gloria de Israel hase refuxiar Adulam. 16 Arrinca os cabelos da túa cabeza polos teus fillos tan amados! Anchea a túa calva como a do voitre, porque o seu destino é o cativerio, e hante deixar a ti atrás.