1
E agora, para vós, sacerdotes, é este mandamento.
2
Se non escoitades, e se non decidides de corazón dar honor ao meu nome -di Iahveh dos exércitos- enviarei sobre vós maldición, e maldicirei as vosas bendicións. Si, heinas maldicir, porque non facedes caso do que vos digo.
3
Velaquí, eu reprenderei a vosa descendencia, e botareivos esterco sobre as vosas facianas, o esterco das vítimas das vosas solemnidades, e seredes arrastrados con el.
4
Daquela saberedes que vos enviei este mandamento para que o meu pacto mantéñase con Leví -di Iahveh dos exércitos.
5
O meu pacto con el era vida e paz, fíxeno con el polo temor co que me temeu, e porque reverenciaba o meu nome.
6
A verdadeira lei estaba na súa boca, e non había inxustiza nos seus beizos. En paz e en rectitude camiñaba comigo, e fixo volver a moitos da súa iniquidade.
7
Pois os beizos do sacerdote teñen a obriga de gardar a sabedoría, porque a lei ha ser procurada pola súa boca, pois el é o mensaxeiro de Iahveh dos exércitos.
8
Pero vós tédesvos arredado do camiño, tedes feito tropezar a moitos na lei, e tedes corrompido o pacto de Leví -di Iahveh dos exércitos.
9
Por iso eu tamén fareivos desprezables e viles diante de todo o pobo, porque non tedes gardado os meus camiños e facedes distinción entre as persoas en canto a lei.
10
Non temos todos un mesmo pai? Non nos creou un mesmo Deus? Por que estamos a portarnos dun xeito desleal os uns contra os outros, profanando o pacto dos nosos pais?
11
Xudá foi infiel, e unha abominación cometeuse en Israel e en Xerusalem; pois Xudá profanou o santuario de Iahveh, que El ama, e casou coa filla dun deus estraño.
12
Que Iahveh extermine das tendas de Xacob dos que presentan ofrenda diante de Iahveh dos exércitos, a quen fai tal cousa, tanto se é mestre coma discípulo!
13
E ademais, estoutro facedes: cubrides o altar de Iahveh con bágoas, prantos e xemidos, porque El non se volve máis cara a vosa ofrenda, nin a acepta da vosa man dun xeito agradable.
14
E aínda así preguntades: “E logo?” Porque Iahveh foi testemuña entre ti e a muller da túa mocidade, á que lle fuches infiel, sendo ela a túa compañeira e a muller do teu pacto.
15
Non é Un o que fixo a súa carne e o seu espírito? E que pide de ti ese Un? Que sexas liñaxe escollido a Deus! Gardade logo o voso espírito, e non sexades infieis coa muller da vosa mocidade!
16
Porque eu aborrezo o divorcio -di Iahveh, Deus de Israel- e a quen enche de iniquidade a súa vestidura -di Iahveh dos edércitos- Gardade, pois, o voso espírito e non sexades infieis.
17
Tedes canso a Iahveh coas vosas palabras. E dicides: En que o temos canso? O que dicides: Todo o que fai mal é bo aos ollos de Iahveh, e neles El comprácese; e: Onde é que está o Deus xusto?