Capítulo 1

1 Profecía da palabra de Iahveh a Israel por medio de Malaquías. 2 Eu ameivos -di Iahveh- pero vós dicides: En que nos amaches? Non era Esaú irmán de Xacob? -di Iahveh -. Mais Eu amei a Xacob, 3 e estoxei a Esaú, e fixen dos seus montes unha desolación, e dei a sua herdade aos chacais do deserto. 4 Aínda que Edom dixera: Temos sido destruídos, mais voveremos e edificaremos as ruínas, Iahveh dos Exércitos di: Eles edificarán, mais eu destruirei. E chamaranos territorio impío e pobo contra quen Iahveh está anoxado para sempre. 5 E os vosos ollos verano, e vós diredes: Iahveh é grande, máis aló das fronteiras de Israel! 6 O fillo honra o seu pai, e o servo o seu señor. Pois se Eu son pai, onde foi a miña honra? E se son señor, onde está o temor que se me debe? -di Iahveh dos exércitos a vós sacerdotes que menosprezades o meu nome-. Pero vós dicides: “En que temos menosprezado o teu nome?” 7 En que ofrecedes sobre o meu altar pan noxento. E vós dicides: “En que te temos deshonrado?” En que dicides: “A mesa de Iahveh é desprezable”. 8 Pois cando ofrecedes un animal cego para o sacrificio, non está mal? E cando ofrecedes o coxo e o doente, non está mal? Por que non llo ofreces ao teu gobernador? Compraceríase de ti ou te acollería con benignidade? -di Iahveh dos exércitos. 9 Agora pois, implorade o favor de Deus, para que vos teña compaixón! Pois se da vosa man vén todo isto, como o ides a aplacar? Di Iahveh dos exércitos. 10 Oi! Se se atopara entre vós quen pechara as portas para que non acenderades o meu altar en van! Non me comprazo convosco -di Iahveh dos exércitos- nin da vosa man aceptarei ninguna ofrenda! 11 Porque dende a saída do sol ata o solpor, o meu nome é grande entre as nacións, e en todo lugar ofrecerase incenso ao meu nome, e ofrenda pura; xa que o meu nome é grande entre as nacións -di Iahveh dos exércitos. 12 Pero vós profanádelo cando dicides: “A mesa de Iahveh é inmunda, e o seu froito, o seu alimento non paga a pena”. 13 Tamén dicides: Ai, que noxo dá todo isto! E con indiferenza me desprezades -di Iahveh dos exércitos- e traedes o roubado ou coxo, ou doente; tal que así traedes a ofrenda. Hei aceptar iso da vosa man? -di Iahveh. 14 Maldito sexa o enganador que ten un machón robusto no seu rabaño, e o promete, sacrifica un animal danado a Iahveh! Porque Eu son o Grande Rei -di Iahveh dos exércitos- e o meu nome é temido entre as nacións.