Capítulo 4

1 Entón Iahveh faloulle a Moisés: 2 «Dille aos israelitas: “Se alguén peca sen se dar de conta en calquera das cousas que Iahveh mondou que non se fagan, e fai algunha delas; 3 se o que peca é un sacerdote unxido, traendo culpa sobre o pobo, que entón ofreza a Iahveh un xato sen defecto coma ofrenda polo pecado, polo pecado que cometeu. 4 Traerá o xato á porta da tenda de reunión diante de Iahveh, porá a súa man sobre a cabeza do xato e degolarao diante de Iahveh. 5 Logo o sacerdote unxido tomará do sangue do xato e traeraa á tenda de reunión, 6 e o sacerdote mollará o seu dedo no sangue e salpicará sete veces do sangue diante de Iahveh, fronte o veo do santuario. 7 ”O sacerdote porá tamén dese sangue sobre os saíntes do altar do incenso aromático que está na tenda de reunión diante de Iahveh, e verterá todo o sangue do xato ao pé do altar do holocausto que está á porta da tenda de reunión. 8 E tirará toda a graxa do xato da ofrenda polo pecado: a graxa que cubre as entrañas, toda a graxa que está sobre as entrañas, 9 os dous riles coa graxa que está sobre eles e sobre os lombos, e o lóbulo do fígado, que tirará cos riles 10 (do xeito que se tira do boi do sacrificio das ofrendas de paz); e o sacerdote queimaraos sobre o altar do holocausto. 11 Pero a pel do xato e toda a súa carne, coa súa cabeza, as súas patas, as súas entrañas e o seu esterco, 12 é decir, todo o resto do xato, levarao a un lugar limpo fora do campamento, onde se botan as cinzas, e queimarao ao lume sobre a leña. Onde se botan as cinzas queimarao. 13 ”Se toda a congregación de Israel é a que comete erro, e o asunto pasa desapercibido á asemblea, e fan calquera das cousas que Iahveh mandou que non se fagan, facéndose así culpables, 14 cando se chegue a saber o pecado que eles cometeron, entón a asemblea ofrecerá un xato do gando coma ofrenda polo pecado, e traerao diante da tenda de reunión. 15 Os anciáns da congregación porán as súas mans sobre a cabeza do xato diante de Iahveh, e o xato será degolado diante de Iahveh. 16 ”Entón o sacerdote unxido traerá sangue do xato á tenda de reunión; 17 o sacerdote mollará o seu dedo no sangue e salpicaraa sete veces diante de Iahveh, fronte ao veo. 18 Porá sangue sobre os saíntes do altar que está diante de Iahveh na tenda de reunión, e verterá todo o sangue ao pé do altar do holocausto, que está á porta da tenda de reunión. 19 Tiraralle a graxa toda e queimarao sobre o altar. 20 Fará con este xato o mesmo que fixo co xato da ofrenda polo pecado; deste xeito fará con el. Así o sacerdote fará expiación por eles, e eles serán perdoados. 21  Tirará o xato fora do campamento e queimarao coma queimou o primeiro xato. É a ofrenda polo pecado da asemblea. 22 ”Cando é un xefe o que peca e sen se dar de conta fai algunha das cousas que Iahveh o seu Deus mandou que non se fagan, facéndose culpable, 23 e se lle fai saber o pecado que cometeu, traerá coma a súa ofrenda un castrón se defecto. 24 Porá a súa man sobre a cabeza do castrón e degolarao no lugar onde se degola o holocausto diante de Iahveh; é unha ofrenda polo pecado. 25 Entón o sacerdote tomará co seu dedo do sangue da ofrenda polo pecado e poraa sobre os saíntes do altar do holocausto, e verterá o resto do sangue ao pé do altar do holocausto. 26 Queimará toda a graxa sobre o altar coma no caso da graxa do sacrificio das ofrendas de paz. Así o sacerdote fará expiación por el, polo seu pecado, e será perdoado. 27 ”E se é alguén do pobo o que peca sen se dar de conta, facendo calquera das cousas que Iahveh mandou que non se fagan, e se fai así culpable, 28 e se lle fai saber o pecado que cometeu, traerá coma a súa ofrenda unha cabra sen defecto polo pecado que cometeu. 29 Porá a súa man sobre a cabeza da ofrenda polo pecado e degolaraa no lugar do holocausto. 30 Entón o sacerdote collerá co seu dedo do sangue e porao sobre os saíntes do altar do holocausto, e verterá todo o resto do sangue ao pé do altar. 31 Logo tirará toda a graxa, do xeito que se tirou a graxa do sacrificio das ofrendas de paz, e o sacerdote queimarao sobre o altar coma cheiro grato para Iahveh. Así o sacerdote fará expiación por el e será perdoado. 32 ”Pero se trae un año coma a súa ofrenda polo pecado, que traía unha femia sen defecto. 33 Porá a súa man sobre a cabeza da ofrenda polo pecado e degolaraa coma ofrenda polo pecado no lugar onde se degola o holocausto. 34 Entón o sacerdote collerá co seu dedo do sangue da ofrenda polo pecado e poraa sobre os saíntes do altar do holocausto, e verterá todo o resto do sangue ao pé do altar. 35 Logo tirará toda a graxa do mesmo xeito que se tira a graxa do año do sacrificio das ofrendas de paz; e o sacerdote queimarao no altar coas ofrendas acesas para Iahveh. Así o sacerdote fará expiación por el, polo pecado que cometeu, e será perdoado.