Capítulo 23

1 E aconteceu que moitos días despois de que Iahveh dera acougo a Israel de todos os seus inimigos arredor, sendo Xosué xa vello e avanzado en anos, 2 que Xosué chamou a todo Israel, aos seus anciáns, aos seus príncipes, aos seus xuíces e aos seus oficiais, e díxolles: -Eu son vello e avanzado en anos. 3 E vós vistes todo o que Iahveh o voso Deus fixo a todas estas nacións por causa de vós, porque Iahveh o voso Deus é quen loitou por vós. 4 Mirade, deivos por sorte, como herdade para as vosas tribos, estas nacións que aínda quedan xunto con tódalas nacións que destruín, dende o Xordán ata o mar Grande, cara a posta do sol. 5 E Iahveh o voso Deus botaraos de diante de vós e expulsaraos da vosa presenza; e vós posuiredes a súa terra, tal como Iahveh o voso Deus vos prometeu. 6 -Esforzádevos, pois, en gardar e en facer todo o que está escrito no libro da lei de Moisés, para que non vos afastedes dela nin a dereita nin á esquerda, 7 para que non vos xuntedes con estas nacións, as que quedan entre vós; non mencionedes os nomes dos seus deuses, nin fagades que ninguén xure por eles, nin os sirvades, nin vos inclinedes diante deles; 8 senón que vos achegedes a Iahveh o voso Deus, como fixestes ata hoxe. 9 Porque Iahveh expulsou de diante de vós nacións grandes e poderosas; e en canto a vós, ninguén puido resistirvos ata hoxe. 10 Un só home de vós fai fuxir a mil, porque Iahveh o voso Deus é quen loita por vós, tal como vos prometeu. 11 Tede moito coidado, pola vosa vida, de amar a Iahveh o voso Deus. 12 Porque se vos apartades, e vos unides ao resto destes pobos que permanecen entre vós, e facedes matrimonio con eles, e vos xuntades con eles, e eles convosco, 13 sabede con certeza que Iahveh o voso Deus non volverá a botar fóra a estas nacións diante de vós, senón que serán para vós trampas e trapelas, azoutes para os vosos costados e espiñas para os vosos ollos, ata que perezades nesta boa terra que Iahveh o voso Deus vos deu. 14 Velaí, eu vou hoxe polo camiño de toda a terra, e vós sabedes con todo o voso corazón e con toda a vosa alma que non vos faltou ningunha das boas palabras que Iahveh o voso Deus falou; todas se vos cumpriron, ningunha delas faltou. 15 E acontecerá que así como viñeron sobre vós tódalas boas palabras que Iahveh o voso Deus vos falou, do mesmo xeito Iahveh traerá sobre vós toda ameaza, ata que vos destrúa de sobre esta boa terra que Iahveh o voso Deus vos deu. 16 Cando quebrantedes o pacto que Iahveh o voso Deus vos mandou, e vaiades e sirvades a outros deuses e os adoredes, entón a ira de Iahveh acenderase contra vós, e pereceredes axiña desta boa terra que El vos deu.