Capítulo 16

1 Caeu en sorte aos fillos de Xosé dende o Xordán en fronte de Iericó (as augas de Iericó) cara o oriente, cara o deserto, subindo dende Iericó pola rexión montañosa ata Betel. 2 Seguía dende Betel a Luz, e seguía ata a fronteira dos arquitas en Atarot. 3 E descendía cara o occidente ao territorio dos iafletitas, ata o territorio da Baixa Bet-horón, e ata Gezer, e remataba no mar. 4 Recibiron, pois, a súa herdade os fillos de Xosé, Manasés e Efraín. 5 Este é o territorio dos fillos de Efraín segundo as súas familias: o límite da súa herdade cara o oriente era Atarot-adar, ata Bet-horón de arriba. 6 E o límite ía cara o occidente en Micmetat cara o norte, e virábase cara o oriente en Taanat-silo, e seguía máis aló cara o oriente de Ianoá. 7 Descendía de Ianoá a Atarot e a Naarat, chegaba a Iericó e saía ao Xordán. 8 E o límite continuaba dende Tapua cara o occidente ata o arroio de Cana, e remataba no mar. Esta é a herdade da tribo dos fillos de Efraín segundo as súas familias. 9 xunto coas cidades que foron separadas para os fillos de Efraín no medio da herdade dos fillos de Manasés, tódalas cidades coas súas aldeas. 10 Pero non expulsaron o cananita que vivía en Gezer; senón que o cananita vive no medio de Efraín ata hoxe, e chegou a ser obrigado a pagar impostos.