1
Sucedeu despois da morte de Moisés, servo de Iahveh, que Iahveh falou a Xosué, fillo de Nun, e axudante de Moisés, dicindo:
2
O meu servo Moisés morreu; agora, pois, érguete, cruza este Xordán, ti e todo este pobo, á terra que Eu lle dou aos fillos de Israel.
3
Todo lugar que pise a planta do voso pé deivos , tal como dixen a Moisés.
4
Dende o deserto e este Líbano ata o gran río, o río Eufrates, toda a terra dos hititas ata o mar Grande que está cara ao solpor, será o voso territorio.
5
Ninguén te poderá facer fronte en todos os días da túa vida. Así como estiven con Moisés estarei contigo; non te deixarei nin te abandonarei.
6
Sé forte e valente, porque ti darás a este pobo a posesión da terra que xurei aos seus pais que lles daría.
7
Só sé forte e moi valente; cóidate de cumprir toda a lei que o meu servo Moisés che mandou; non te desvíes dela nin á dereita nin á esquerda, para que teñas éxito onde queira que vaias.
8
Este libro da lei non se apartará da túa boca, senón que meditarás nel día e noite, para que coides de facer todo o que nel está escrito; porque entón farás prosperar o teu camiño e terás éxito.
9
Non cho ordenei Eu? Sé forte e valente! Non temas nin te acovardes, porque Iahveh o teu Deus estará contigo onde queira que vaias.
10
Entón Xosué deu ordes aos oficiais do pobo dicindo:
11
Pasade polo medio do campamento e ordenade ao pobo, dicindo: "Preparade provisións para vós porque en tres días cruzaredes o Xordán para entrar a posuír a terra que Iahveh o voso Deus vos dá en posesión".
12
E aos rubenitas , aos gaditas e á media tribo de Manasés, Xosué dixo:
13
Lembrade a palabra que Moisés, servo de Iahveh, vos deu dicindo: "Iahveh, o voso Deus dávos repouso e daravos esta terra".
14
As vosas mulleres, os vosos pequenos e o voso gando permanecerán na terra que Moisés vos deu alén do Xordán; pero vós, todos os valentes querreiros, pasaredes en orde de batalla diante dos vosos irmáns e axudarédelos,
15
ata que Iahveh dea repouso aos vosos irmáns como a vós e eles tamén posúan a terra que Iahveh, o voso Deus, lles dá. Entón volveredes á vosa terra e posuiredes o que Moisés, servo de Iahveh ,vos deu alén do Xordán cara ao oriente.
16
E eles responderon a Xosué, dicindo: Faremos todo o que nos mandaches, e onde queira que nos envíes, iremos.
17
Como obedecemos en todo a Moisés, así te obedeceremos a ti, con tal que Iahveh o teu Deus estea contigo como estivo con Moisés.
18
Calquera que se rebele contra o teu mandato e non obedeza as túas palabras en todo o que lles mandes, daráselle morte; só sé forte e valente.