3 Pero Xonás ergueuse para fuxir de Iahveh a Tarsis, lonxe da presenza de Iahveh. E baixando a Xope, atopou un barco que ía para Tarsis, pagou o billete, e entrou nel para ir con eles a Tarsis, lonxe da presenza de Iaveh. 4 E Iahveh levantou un forte vento no mar, e houbo unha tempestade tan grande no mar que o barco parecía que ía romper. 5 Os mariñeiros tiñan medo e cada un clamaba o seu deus; e botaron ao mar a carga que había no barco para alixeiralo. Pero Xonás baixara á bodega do barco, deitarase e estaba profundamente durmido. 6 O capitán achegouse a el e díxolle: Como é que estás a durmir? Érguete, chama ao teu Deus! Pode que Deus pense en nós e non morramos. 7 E cada un díxolle ao seu compañeiro: Vide, botemos sorte para saber por quen nos viu esta desgraza. E botaron sortes, e a sorte caeu sobre Xonás. 8 Entón dixéronlle: Dinos agora por quen nos ven esta desgraza. Que fas, e de onde vés? Cal é o teu país, e de que pobo es? 9 El respondeulles: son hebreo, e temo a Iahveh Deus do ceo, que fixo o mar e a terra.
10 Os homes tiñan moito medo e dixéronlle: Que é isto que fixeches? Porque sabían que fuxía da presenza de Iahveh, por mor do que lles declarara. 11 Entón dixéronlle: Que faremos contigo para que o mar non estea bravo o noso redor? Pois o mar estaba cada vez mais duro. 12 E díxolles: Collédeme e botádeme ao mar, e o mar calmarase a voso redor, xa que sei que esta gran tempestade veu sobre vos pola miña causa. 13 Os homes puxéronse a remar con forza para volver a terra , pero non puideron, xa que o mar seguía arremetendo contra eles. 14 Entón invocaron a Iahveh, e dixéronlle: Rogámosche, oh Iahveh, non permitas que perezamos agora pola vida deste home, e non permitas que carguemos coa culpa da súa morte; pois ti, Iahveh, fixeches o que quixeches. 15 Colleron, a Xonás e botárono ao mar; e o mar parou na súa furia. 16 E aqueles homes temeron moito a Iahveh; fixeron sacrificio a Iahveh e fixéronlle votos. 17 E Iahveh dispuxo un gran peixe para tragar a Xonás; e Xonás estivo no ventre do peixe tres días e tres noites.