1 Porque naqueles días e naquel tempo, cando Eu restaure a catividade de Xudá e Xerusalem, 2 xuntarei a todas as nacións, e baixarán ao val de Iosafat. E alí entrarei en xuízo contra elas a favor do meu pobo e da miña herdanza, Israel, a quen espallaron entre as nacións e repartiron a miña terra. 3 Tamén botaron sortes polo meu pobo, cambiaron os nenos por rameiras e venderon as mozas por viño para que puidesen beber. 4 Que tedes contra min, Tiro, Sidón e todas as rexións de Filistea? Queredes vingarvos de min? Pois se tratades de vos vingar deste xeito, axiña volverei a vosa vinganza sobre a vosa cabeza. 5 Porque levastes a miña prata e o meu ouro, e levastes os meus valiosos tesouros aos vosos templos. 6 E vendestes os fillos de Xudá e de Xerusalem aos gregos para afastalos do seu territorio. 7 Velaquí levantareinos do lugar onde os vendestes, e devolverei a vosa vinganza sobre a vosa cabeza. 8 Hei vender os vosos fillos e as vosas fillas aos fillos de Xudá e eles venderanos aos sabeos, a unha nación afastada porque así o dixo Iahveh. 9 Proclamade isto entre as nacións! Declarade a guerra santa, espertade aos valentes! Achéguense, suban todos os homes de guerra. 10 Forxade espadas das vosas legoñas e lanzas das vosas fouces; diga o débil: Forte son! 11 Apresurádevos e vinde, tódalas nacións do teu derredor, reunídevos alí! Fai que baixen, Iahveh, os teus valentes! 12 Esperten e érganse as nacións ao val de Iosafat! Porque alí sentarei a xulgar a tódalas nacións ao derredor. 13 Metede a fouce, que a colleita xa está madura! Vinde! Pisade, que o lagar xa está cheo; os cántaros desbordan, porque a súa maldade é grande. 14 Multitudes, multitudes no val da decisión porque preto está o día de Iahveh no val da decisión. 15 O sol e a lúa hanse escurecer e as estrelas perderán o seu brillo. 16 Iahveh roxe dende Sión, e dende Xerusalem dá a súa voz, e tremen os ceos e a terra. Pero Iahveh é refuxio para o seu pobo e fortaleza para os fillos de Israel. 17 Entón saberedes que Eu son Iahveh o voso Deus, que vivo en Sión, o meu monte santo. E Xerusalem será santa, e os estranxeiros non pasarán máis por ela. 18 E acontecerá naquel día que os montes destilarán viño doce, os outeiros manarán leite, e as augas correrán por tódolos regatos de Xudá, e brotará un manancial da casa de Iahveh e regará o val de Sitim. 19 Exipto será unha desolación, e Edom será un deserto desolado, pola violencia feita aos fillos de Xudá, porque derramaron sangue inocente na súa terra. 20 Pero Xudá será habitada para sempre e Xerusalem por todas as xeracións. 21 E limparei o sangue dos que non tiña limpado, e Iahveh vivirá en Sión.