Capítulo 1

1 Palabra de Iahveh que veu a Xoel, fillo de Petuel. 2 Escoitade isto, anciáns, e prestade ouvido, todos os habitantes do país! Aconteceu algo así nos vosos días, ou nos días dos vosos pais? 3 Contádello aos vosos fillos, e os vosos fillos aos seus fillos, e os seus fillos á seguinte xeración. 4 O que deixou a eiruga, comeuno a lagosta; o que deixou a lagosta, comeuno o pulgón; e o que deixou o pulgón, comeuno o saltón. 5 Espertade, bébedos e chorade, e xemede todos os que bebedes viño, por mor do viño doce que vos é quitado da boca. 6 Porque unha nación subiu contra a miña terra, poderosa e innumerable, os seus dentes son dentes de león, e ten cabeiros de leoa. 7 Fixo da miña vide unha desolación, e achas da miña figueira. Descortizouna e derrubouna e deixou brancos os seus bacelos. 8 Laméntate como virxe cinguida de cilicio polo esposo da súa mocidade! 9 Foron quitadas a ofrenda do cereal e a libación da casa de Iahveh. Están de loito os sacerdotes, os ministros de Iahveh. 10 O campo está devastado, a terra está de loito, porque o gran está arruinado, o viño secouse, e perdeuse o aceite. 11 Avergoñádevos, labregos, xemede, viticultores, polo trigo e a cebada, porque perdeuse a colleita do campo! 12 As vides sécanse, e múrchanse as figueiras, tamén as milgrandas, as palmeiras e as maceiras, tódalas árbores do campo murchan. Certamente seca a ledicia dos fillos dos homes. 13 Cinguídevos de loito sacerdotes! Xemede, ministros do altar! Vinde, pasade a noite en cilicio, ministros do meu Deus! Porque a casa do voso Deus quedou sen ofrenda de cereal e sen libación. 14 Promulgade un xaxún santo, convocade asemblea solemne; congregade os anciáns e a todos os habitantes da terra na casa de Iahveh o voso Deus, e clamade a Iahveh. 15 Ai dese día! Porque está preto o día de Iahveh, e virá como destrución do Todopoderoso. 16 Non foi arrebatado o alimento de diante dos nosos ollos e a ledicia e o xúbilo da casa do noso Deus? 17 As sementes secaron baixo os terróns; os almacéns foron asolados, os celeiros derrubados porque secou o gran. 18 Como moxe o gando! Andan folgando os rabaños das vacas porque non hai pasto para elas; ata os rabaños de ovellas sofren. 19 A ti clamo, Iahveh, porque o lume devorou os pastos do deserto, e a lapa consumiu tódalas árbores do campo. 20 Aínda as bestas do campo berran por ti, porque secaron os arroios da auga, e o lume devorou os pastos do deserto.