Capítulo 2

1 Chegou o día no que os fillos de Deus viñeron presentarse diante de Iahveh, e Satanás veu tamén entre eles para presentarse diante de Iahveh. 2 E Iahveh díxolle a Satanás: -De onde vés? Entón Satanás respondeu a Iahveh, e dixo: -De percorrer a terra e de andar por ela. 3 E díxolle Iahveh a Satanás: -Fixácheste no meu servo Xob? Porque non hai outro coma el sobre a terra, home íntegro e recto, que teme a Deus e se afasta do mal. E el aínda conserva a súa integridade, a pesar de me incitares contra el para que o arruíne sen causa. 4 Entón Satanás respondeu a Iahveh e dixo: -Pel por pel! Si, porque para salvar a vida un dá todo canto ten. 5 Pero estende agora a túa man e toca os seus ósos e a súa carne, e verás se non te maldice na túa cara. 6 E Iahveh dixo a Satanás: -Velaquí, el está na túa man; pero non toques a súa vida. 7 Satanás saíu da presenza de Iahveh, e feriu a Xob con chagas ulcerosas dende a planta do pé ata a coca. 8 E Xob colleu un testo quebrado para rasparse mentres estaba sentado entre as cinsas. 9 Entón a súa muller díxolle: -Aínda conservas a túa integridade? Maldice a Deus e morre dunha vez! 10 Pero el díxolle: -Como fala calquera muller necia falaches ti! Aceptaremos o bo de Deus e non aceptaremos o malo? En todo isto Xob non pecou cos seus beizos. 11 Ao saberen tres amigos de Xob, Elifaz temanita, Bildad suhita e Zofar naamatita, todo este mal que viñera sobre el, viñeron cada un do seu lugar, pois conviñeran ir xuntos para estar ao seu carón na súa dor e consolalo. 12 Mais cando alzaron os ollos dende lonxe, non o recoñeceron, levantaron a voz e choraron. Cada un deles rachou o seu manto e espallaron o pó cara o ceo sobre as súas cabezas. 13 Entón sentaron no chan con el por sete días e sete noites, sen que ninguén lle dixera unha palabra, porque vían que a súa dor era moi grande.