1
Palabra que veu a Xeremías de parte de Iahveh, dicindo:
2
-Párate na porta da casa de Iahveh, proclama alí esta palabra, e di: escoitade a palabra de Iahveh, todos os de Xudá, os que entrades por estas portas para adorar a Iahveh.
3
Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: -Emendade os vosos camiños e as vosas obras, e fareivos morar neste lugar!
4
Non confiedes en palabras enganosas, dicindo: este é o templo de Iahveh, o templo de Iahveh, o templo de Iahveh é este!
5
Porque se en verdade emendades os vosos camiños e as vosas obras, se en verdade facedes xustiza entre cada persoa e o seu próximo,
6
e non oprimides o estranxeiro, o orfo e a viúva, nin vertedes sangue inocente neste lugar, nin andades tras doutros deuses para a vosa propia ruína,
7
entón fareivos morar neste lugar, na terra que dei aos vosos pais para sempre.
8
Velaí, vós confiades en palabras mentireiras que non aproveitan,
9
para roubar, matar, cometer adulterio, xurar falsamente, ofrecer sacrificios a Baal e andar tras doutros deuses que non coñeciades.
10
Viredes despois e poñerédesvos diante de min nesta casa, que é chamada polo meu nome, e diredes: xa estamos a salvo; para seguirdes facendo todas estas abominacións?
11
Volveuse esta casa, que é chamada polo meu nome, en cova de ladróns diante dos vosos ollos? Velaquí, Eu mesmo o vin, di Iahveh.
12
Agora pois, ide ao meu lugar en Silo, onde ao principio fixen morar o meu nome, e vede o que fixen con el por mor da maldade do meu pobo Israel.
13
E agora, porque fixestes todas estas obras - di Iahveh - e a pesar de que vos falei dende cedo unha e outra vez e non escoitastes; chameivos, pero non respondestes,
14
farei coa casa que é chamada polo meu nome, na que confiades, e co lugar que vos dei a vós e aos vosos pais, como fixen con Silo.
15
E botareivos da miña presenza, como botei a todos os vosos irmáns, a toda a descendencia de Efraín.
16
E ti, non rogues por este pobo, nin levantes por eles clamor nin oración, nin intercedas diante de min, porque non te hei escoitar.
17
Non ves o que fan nas cidades de Xudá e nas rúas de Xerusalém?
18
Os fillos recolleen a madeira, os pais acenden o lume, as mulleres preparan a masa para facer tortas á raíña do ceo, e derraman libacións a outros deuses para me ofender.
19
Deste xeito queren provocar a miña ira? -di Iahveh- Acaso non actúan así para a súa propia vergoña?
20
Por tanto, así di Iahveh o Señor: "Velaí, a miña ira e a miña indignación serán derramados sobre este lugar, sobre as persoas e sobre os animais, sobre as árbores do campo e sobre o froito da terra. Arderá e non se apagará.
21
Así di Iahveh dos exércitos, o Deus de Israel: - Xuntade os vosos holocaustos aos vosos sacrificios e comede a carne!
22
Porque Eu non falei aos vosos pais, nin lles mandei nada en canto aos holocaustos e sacrificios o día que os liberei da terra de Exipto.
23
Senón que isto é o que lles mandei, dicindo: -Escoitade a miña voz e Eu serei o voso Deus e vós seredes o meu pobo, e andaredes en todo camiño que Eu vos mande para que vos vaia ben.
24
Mais eles non escoitaron nin inclinaron o seu ouvido, senón que camiñaron nas súas propias deliberacións e na dureza do seu malvado corazón, e foron cara atrás e non cara adiante.
25
Dende o día que os vosos pais saíron da terra de Exipto ata hoxe, mandeivos a tódolos meus servos os profetas, madrugando cada día para mandárvolos.
26
Pero non me escoitaron nin inclinaron o seu ouvido, senón que endureceron o seu pescozo e fixeron peor que os seus pais.
27
Diraslles, pois, todas estas palabras, mais eles non te escoitarán; chamaralos, e non che responderán.
28
Entón diraslles: esta é a nación que non escoita a voz de Iahveh o seu Deus, nin acepta corrección! A verdade pereceu e foi desterrada da súa boca."
29
Corta as túas guedellas e tira con elas, e berra de loito nas alturas desoladas! Porque Iahveh rexeitou e abandonou a xeración obxecto da súa ira.
30
Porque os fillos de Xudá fixeron o que é malo aos meus ollos - di Iahveh - puxeron os seus ídolos abominables na casa que é chamada polo meu nome, profanándoa.
31
E edificaron os lugares altos de Tofet, que está no val de Ben-Hinom, para queimar os seus fillos e as súas fillas no lume, o que Eu non mandei, nin se me pasou pola mente.
32
Por tanto, velaí veñen días - di Iahveh - cando non se dirá máis Tofet, nin val de Ben-Hinom, senón o val da Matanza; porque enterrarán en Tofet por non ter máis lugar.
33
E os cadáveres deste pobo servirán de comida ás aves do ceo e ás bestas da terra, sen que ninguén as espante.
34
Entón farei cesar das cidades de Xudá e das rúas de Xerusalém a voz do gozo e a voz da ledicia, a voz do noivo e a voz da noiva; porque a terra quedará desolada.