1
As palabras de Xeremías, fillo de Hilcías, un dos sacerdotes que vivían en Anatot, na terra de Benxamín,
2
a quen veu a palabra de Iahveh nos días de Iosías, fillo de Amón, rei de Xudá, no ano décimo terceiro do seu reinado.
3
Tamén lle veu a palabra nos días de Ioacim, fillo de Iosías, rei de Xudá, ata o fin do ano once de Sedequías, fillo de Iosías, rei de Xudá, ata o desterro de Xerusalém no quinto mes.
4
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
5
Antes de que te formara no seo da túa nai, Eu coñecinte, e antes de que naceras, consagreite, púxente por profeta ás nacións.
6
Entón dixen: -Ai, Iahveh Deus! Velaí, non sei falar, porque son novo.
7
Pero Iahveh díxome: -Non digas: son novo, porque onde sexa que te mande, irás, e todo o que che mande, dirás.
8
Non teñas temor diante deles, porque Eu estou contigo para te librar, di Iahveh.
9
Entón estendeu Iahveh a súa man e tocou a miña boca. E Iahveh díxome: -Velaquí, puxen as miñas palabras na túa boca.
10
Mira, neste día póñote sobre as nacións e sobre os reinos, para arrincar e para desolar, para destruír e para derrubar, para edificar e para plantar.
11
Veu entón a palabra de Iahveh, dicindo: -Que ves ti, Xeremías? E eu dixen: -Vexo unha vara de amendoeira.
12
E díxome Iahveh: -Ben viches, porque Eu vixío sobre a miña palabra para cumprila.
13
Por segunda vez veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: -Que ves ti? E respondín: -Vexo un pote fervendo que se envorca dende o norte.
14
E díxome Iahveh: "Do norte rebentará o mal sobre todos os habitantes desta terra.
15
Porque velaí que chamo a tódalas familias dos reinos do norte - di Iahveh - e virán e porán cadanseu seu trono na entrada das portas de Xerusalém, en fronte de tódolos seus muros arredor e en fronte de tódalas cidades de Xudá.
16
E Eu pronunciarei os meus xuízos contra eles por toda a súa maldade, porque me abandonaron, ofreceron sacrificios a outros deuses e adoraron a obra das súas mans.
17
Ti, pois, cingue os teus lombos, érguete e dilles todo o que Eu che mando. Non temas diante deles, non sexa que Eu te faga tremer diante deles.
18
Velaí, Eu púxente hoxe coma cidade fortificada, coma columna de ferro e coma muro de bronce contra toda esta terra: contra os reis de Xudá, os seus príncipes, os seus sacerdotes e o pobo da terra.
19
Pelexarán contra ti, pero non te vencerán, porque Eu estou contigo -di Iahveh - para te librar.