Capítulo 10

1 Despois de Abimelec, levantouse para librar a Israel Tola, fillo de Fua, fillo de Dodo, de Isacar, que vivía en Samir na rexión montañosa de Efraín. 2 E xulgou a Israel vinte e tres anos, e morreu, e foi sepultado en Samir. 3 Despois del ergueuse Xair galadita, que xulgou a Israel por vinte e dous anos. 4 Tiña trinta fillos que montaban en trinta asnos, e tiñan trinta cidades, que ata hoxe se chaman as vilas de Xair, que están na terra de Galaad. 5 E morreu Xair, e foi sepultado en Camón. 6 E os fillos de Israel volveron facer o malo aos ollos de Iahveh, e serviron os baales e as Astartés, os deuses de Siria, os deuses de Sidón, os deuses de Moab, os deuses dos fillos de Amón e os deuses dos filisteos; e abandonaron a Iahveh e non o serviron. 7 Entón acendeuse a ira de Iahveh contra Israel, e vendeunos na man dos filisteos e na man dos fillos de Amón; 8 E eles a partir daquel ano oprimiron a Israel por dezaoito anos: a tódolos fillos de Israel que estaban alén do Xordán, na terra dos amorreos que está en Galaad. 9 E os fillos de Amón cruzaron o Xordán para facer guerra tamén contra Xudá e Benxamín e contra a casa de Efraín; e Israel estaba moi aflixido. 10 Entón os fillos de Israel clamaron a Iahveh, dicindo: -Pecamos contra ti, porque abandonamos o noso Deus e servimos os baales. 11 E Iahveh respondeu aos fillos de Israel: -Non fostes oprimidos polos exipcios, os amorreos, os amonitas, e os filisteos? 12 E cando os de Sidón, o de Amalec e o de Maón vos oprimiron, e clamastes a min, non vos librei das súas mans 13 Pero vós deixástesme a min e servistes a outros deuses; por iso Eu non vos librarei máis. 14 Ide e clamade aos deuses que escollestes; que eles vos libren no tempo da vosa aflición! 15 Pero os fillos de Israel dixeron a Iahveh: -Pecamos; fai ti con nós como mellor che pareza; soamente, líbranos neste día! 16 E quitaron de entre eles os deuses estranxeiros, e serviron a Iahveh; e El sentiuse profundamente anguriado pola aflición de Israel. 17 Entón os fillos de Amón reuníronse e acamparon en Galaad; e os fillos de Israel tamén se reuniron e acamparon en Mizpa. 18 E os príncipes e o pobo de Galaad dixeron uns aos outros: -Quen comezará a batalla contra os fillos de Amón? El será xefe sobre todos os habitantes de Galaad.