Capítulo 23

1 E Sara viviu cento vinte e sete anos; estes foron os anos da súa vida. 2 E morreu en Quiriat-Arba, que é Hebrón, na terra de Canaán; e Abraham foi facer dó por Sara e a chorar por ela. 3 Despois Abraham ergueuse de diante da defunta e díxolle aos fillos de Het : 4 "Eu son estranxeiro e peregrino entre vós ; dádeme aquí en propiedade unha sepultura para soterrar á miña finada lonxe da miña presenza. 5 E os fillos de Het dixéronlle a Abraham: 6 "Escóitanos noso señor : ti es un príncipe poderoso entre nós. Enterra á túa defunta no mellor dos nosos sepulcros, porque ningún de nós che negará a súa tumba para que enterres á túa defunta. 7 Abraham ergueuse e fixo unha reverencia ante o pobo daquela terra, os fillos de Het, 8 e díxolles: Se estades de acordo en que eu enterre á miña defunta lonxe da miña presenza, escoitádeme e valede por min diante de Efrón, fillo de Zoar, 9 para que me dea a cova de Macpela que lle pertence, que está no último da súa eira, Que ma dea por un prezo xusto, para sepultura en propiedade en medio de vós. 10 Efrón estaba sentado entre os fillos de Het; e Efrón hitita respondeu a Abraham diante dos fillos de Het e de todos os que entraban pola porta da cidade, dicindo: 11 "Non, meu señor. Escoita: douche para ti o campo, e a cova que hai nel. Douchos á vista dos fillos do meu pobo. Enterra a túa finada". 12 Entón Abraham prostrouse diante do pobo daquela terra, 13 e díxolle a Efrón a oídos do pobo daquela terra: "Prégoche que me escoites; dareiche o prezo do campo; acéptamo para que poida enterrar alí á miña defunta". 14 Efrón díxolle a Abraham: 15 "Meu señor, escóitame: unha terra que vale catrocentos siclos de prata, que é iso entre ti e máis eu? Enterra pois, a túa morta". 16 E escoitou Abraham a Efrón e pesou a prata da que falara a oídos dos fillos de Het: catrocentos siclos de prata, en moeda corrente. 17 Desa maneira o campo de Efrón, que está en Macpela, fronte a Mamre, o campo e a cova que hai nel, e tódalas árbores do campo dentro dos seus lindeiros foron cedidos 18 a Abraham en propiedade á vista dos fillos de Het, diante de todos os que entraban pola porta da cidade. 19 Despois diso, Abraham enterrou á súa muller Sara na cova do campo de Macpela, fronte a Mamre, isto é Hebrón, na terra de Canaán. 20 E quedaron o campo maila cova que estaban nel a en posesión de Abraham coma propiedade para a sepultura, por parte dos fillos de Het.