Capítulo 22

1 Aconteceu despois destas cousas que Deus probou a Abraham e díxolle: "Abraham!" e Abraham respondeu: "Aquí estou." 2 E Deus díxolle: Colle agora ao teu fillo, o vinculeiro, a quen amas, a Isaac, e vai a terra de Moriah, e ofréceo alí en holocausto sobre un dos montes que Eu che indicarei. 3 Abraham ergueuse ben cedo, aparellou o seu asno e tomou con el a dous dos seus servos e o seu fillo Isaac, e cortou leña para o holocausto e dispúxose e foi cara o lugar que Deus lle indicara. 4 Ao terceiro día alzou Abraham os ollos e mirou o lugar ao lonxe. 5 E dixo Abraham aos seus servos: "Ficade aquí co asno, eu e o rapaz iremos ata alá, adoraremos e volveremos onda vós." 6 Colleu Abraham a leña para o holocausto e cargouna sobre o seu fillo Isaac e el levou o facho mailo coitelo. E marcharon os dous xuntos. 7 E Isaac comentoulle ao seu pai Abraham: "Meu pai," e el respondeu: "Aquí estou, meu fillo." El sinalou: "Mira, aquí está tanto o lume como a leña, mais onde o año para o holocausto? 8 E respondeu Abraham: "Deus proverá o año para o holocausto, meu fillo." Así marcharon os dous xuntos. 9 Chegados ao lugar que Deus lle dixera, Abraham construíu o altar e preparou a leña. Logo atou o seu fillo Isaac, e deitouno no altar por enriba da leña. 10 Entón Abraham estendeu a man e colleu o coitelo para sacrificar o seu fillo. 11 Mais o anxo de Iahveh chamouno dede o ceo e dixo: "Abraham, Abraham!" E el respondeu: "Aquí estou". 12 E o anxo dixo: Non estendas a túa man contra o rapaz, nin lle fagas nada, porque xa sei que temes a Deus, pois non me negaches o teu fillo, o teu único. 13 Entón Abraham levantou os ollos, e velaquí mirou un carneiro detrás del atrapado polos cornos nunha silveira; e Abraham colleu o carneiro e ofreceuno en sacrificio, no sitio do seu fillo. 14 E chamou Abraham a aquel lugar "Iahveh proverá". Por iso, aínda hoxe se di: "No monte Iahveh proverá". 15 E o anxo de Iahveh chamou a Abraham dende o ceo por segunda vez 16 e dixo:" Por min mesmo xurei, di Iahveh, que por faceres isto e non me negares o teu fillo, o teu único, 17 bendicireite e multiplicarei a túa descendencia coma as estrelas do ceo e coma a area da beira do mar, e a túa descendencia posuirá a porta dos seus inimigos". 18 "E na túa descendencia serán bendicidas todas as nacións da terra por me teres ti obedecido". 19 Abraham volveu onda os seus criados e todos xuntos foron a Beerseba. E Abraham viviu en Beerseba. 20 E aconteceu, despois destas cousas, que lle deron noticia a Abraham dicindo: "Velaquí que Milca tamén deu fillos ao teu irmán Nacor: 21 Uz, o seu primoxénito, Buz, seu irmán, e Kemuel, pai de Aram, 22 Quesed, Hazo, Pildas Xidlaf e Betuel". 23 E Betuel xerou a Rebeca. Estes oito fillos deulle Milca a Nacor, irmán de Abraham. 24 Tamén a súa concubina, chamada Reúma, deulle a Teba, a Gaham, a Tahas e a Maaca.