1
Por tanto ti, fillo de home, profetiza contra Gog, e di: así di Iahveh o Señor: Velaí, Eu estou contra ti, Gog, príncipe soberano de Mesec e Tubal.
2
Heite rodear, e conducireite, e fareite subir da parte do norte, e traereite sobre os montes de Israel;
3
E sacarei o teu arco da túa man esquerda, e farei que caian as túas frechas da túa man dereita.
4
Sobre os montes de Israel caerás ti e tódalas túas tropas e os pobos que están contigo. Dareite por alimento a toda clase de ave rapaz e ás feras do campo.
5
Sobre o chan do campo caerás; porque Eu o anunciei, di Iahveh o Señor.
6
E mandarei lume sobre Magog e sobre os que viven seguros nas costas; e coñecerán que Eu son Iahveh.
7
E farei coñecer o meu nome santo no medio do meu pobo Israel; e nunca máis deixarei que sexa profanado o meu nome santo; e as nacións saberán que Eu son Iahveh, o Santo de Israel.
8
Velaí que vén e hase cumplir, di Iahveh o Señor! Este é o día do que Eu falei!
9
Entón os habitantes das cidades de Israel sairán, e prenderán lume e queimarán armas, escudos, paveses, arcos e frechas, mazas e lanzas; e queimaranos con lume por sete anos.
10
Non traerán madeira do campo nin cortarán dos bosques, senón que queimarán coas armas no lume, e despoxarán aos saqueadores e saquearán aos que lles roubaron, di Iahveh o Señor.
11
E acontecerá naquel día que lle hei dar a Gog un lugar para sepultura alí en Israel, o val dos que pasan cara o oriente do mar; e estará pechado o camiño para os que pasan; e alí sepultarán a Gog e a toda a súa multitude; e chamarano val de Hamón- Gog.
12
E a casa de Israel sepultaraos por sete meses para limpar a terra.
13
Todo o pobo da terra sepultaraos, e isto será para eles un día celebre no día en que Eu sexa glorificado, di Iahveh o Señor.
14
E tomarán homes por xornada para que percorran o país cos que viaxan para sepultar aos que queden sobre a superficie da terra, a fin de limpala. Ao cabo de sete meses farán o recoñecemento.
15
E ao pasaren polo país, o que vexa os ósos dun home, porá un sinal xunto a el, ata que os sepultureiros o sepulten no val de Hamón- Gog.
16
E o nome da cidade será Hamona; e así purificarán a terra.
17
E ti, fillo de home, así di Iahveh o Señor: "Di ás aves de toda clase e a tódalas bestas do campo: Xuntádevos e vinde! Xuntádevos de todas partes para a miña festa que estou a preparar para vós! Un gran sacrificio sobre os montes de Israel, para que comades carne e bebades sangue!
18
Comeredes a carne dos poderosos, e beberedes o sangue dos príncipes da terra: dos carneiros, dos años, de castróns, dos bois e dos touros, todos eles engordados en Basán.
19
Comeredes graxa ata fartarvos, e beberedes ata embebedarvos co sangue das víctimas que sacrifiquei para vós.
20
E fartarédesvos na miña mesa de cabalos e de xinetes poderosos, e de todos os homes de guerra, di Iahveh o Señor.
21
E porei a miña gloria entre as nacións; e tódalas nacións verán o meu xuízo que executei, e a miña man que puxen sobre eles.
22
E daquel día en diante a casa de Israel saberá que Eu son Iahveh o seu Deus.
23
E as nacións saberán que a casa de Israel foi exiliada por mor da súa transgresión, porque eles se rebelaron contra min, e Eu agochei a miña faciana deles e entregueinos na man dos seus inimigos, e todos caeron á espada.
24
Segundo a súa impureza e conforme as súas transgresións fixen con eles, e agochei o meu rostro deles.
25
Por tanto, así di Iahveh o Señor: "Agora farei volver a catividade de Xacob, e terei misericordía de toda a casa de Israel, e serei celoso do meu santo nome”.
26
E eles sentirán vergonza de toda a súa rebeldía coa que prevaricaron contra min, cando vivan na súa terra con seguridade, e non haxa quen os asuste,
27
cando os teña sacado de entre os pobos e os recolla da terra dos seus inimigos, e sexa santificado neles diante de moitas nacións.
28
E coñecerán que Eu son Iahveh o seu Deus, cando despois de telos levado cativos entre as nacións, os recolla na súa terra, sen deixar ningún deles.
29
E non esconderei máis o meu rostro deles, porque derramarei do meu Espírito sobre a casa de Israel, di Iahveh o Señor.