1
Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo:
2
Fillo de home, fai saber a Xerusalém as súas abominacións e dilles:
3
Así di Iahveh sobre Xerusalém: "A túa orixe e o teu nacemento son da terra de Canaán; o teu pai era un amorreo e a túa nai unha hitita.
4
En canto ao teu nacemento, no día que naciches, non se cortou o teu embigo, nin fuches lavada con auga para purificarte, nin se te salou con sal, nin fuches envolta con cueiros.
5
Ninguén se apiadou de ti para facerche ningunha destas cousas, nin tivo compaixón de ti; senón que fuches arroxada a campo aberto o día que naciches.
6
E Eu pasei por díante de ti e vinte revolcándote no teu sangue; e cando estabas no teu sangue dixenche: vive! Si, dixenche cando estabas no teu sangue: vive!
7
Fixen que te multiplicaras coma a herba do campo; e medraches, fixécheste grande, e chegaches a ser moi fermosa; os teus peitos formáronse e os teus cabelos medraron, pero estabas espida e descuberta.
8
E pasei xunto a ti outra vez, e mireite, e velaí que o teu tempo era o tempo dos amores; e estendin o meu manto sobre ti e cubrín a túa nudez; e xureiche, di Iahveh o Señor, e fixen un pacto contigo, e ti fuches miña.
9
Laveite con auga e limpiei o teu sangue de sobre ti, e unxínte con aceite;
10
vestinte de bordado, calceiche con pel de coiro, cinguinte de liño e cubrinte de seda.
11
Atavieite con enfeites, puxen pulseiras nas túas mans e colares no teu pescozo.
12
Puxen xoias no teu nariz, e pendentes nas túas orellas, e unha fermosa díadema sobre a túa cabeza.
13
Así fuches adornada con ouro e prata, e o teu vestido era de liño fino, seda e bordado; comiches flor da fariña de trigo, mel e aceite, e fuches engalanada en extremo, e prosperaches ata chegar a reinar.
14
E a túa fama chegou a todalas nacións por mor da túa fermosura, porque era perfecta por mor dos enfeites que puxen sobre ti, di Iahveh o Señor.
15
Pero ti confiaches na túa fermosura e prostituícheste por mor da túa fama, e derramaches as túas fornicacións a cantos pasaban por alí; eras súa.
16
E tomaches das túas roupas e fixeches para ti diversos lugares altos de moitas cores, e fornicaches sobre eles; cousa semellante non se fixo antes, nin se fará nunca máis!
17
E tomaches as túas alfaias de ouro e de prata que Eu che dera, e fixeches para ti estatuas de homes e fornicaches con elas;
18
e tomaches as túas roupas de moitas cores para cubrir as imaxes, e puxeches o meu aceite e o meu incenso díante delas.
19
Tamén o meu pan que che dei, a flor da fariña, o aceite e o mel cos que te sustentei, puxéchelos díante delas como recendo agradable. Si, iso foi o que aconteceu, di Iahveh o Señor.
20
Por se fora pouco, colliches os teus fillos e as túas fillas que me deches a luz, e sacrificáchelos a eles para que fosen consumidos. E non foron poucas as túas fornicacións,
21
para que degolaras tamén os meus fillos e os ofreceses a aqueles ídolos como ofrenda que consume o lume?
22
E en todas as túas abominacións e fornicacións non te lembraches dos días da túa xuventude, cando estabas espida e desolada, e estabas envolta no teu sangue.
23
E aconteceu que despois de todas a túas maldades, ai, ai de ti! - di Iahveh o Señor,
24
edificaches lugares altos e fixeches altares en todas as prazas.
25
En cada cabeceira do camiño edificaches un lugar alto, e deste xeito fixeches vil a túa fermosura, abrindo as túas pernas a calquera que pasaba, prostituíndote continuamente.
26
E fornicaches cos fillos de Exipto, os teus veciños, de carnes grandes, e aumentaches as túas fornicacións para me anoxar.
27
Agora pois, velaí, Eu estendin a miña man contra ti, e disminuín a túa dote, e entregueite á vontade das fillas dos filisteos, que te aborrecen e se avergoñan do teu camiño inmoral.
28
Tamén fornicaches cos asirios porque non te saciabas. Si, fornicaches con eles pero nin aínda sí te saciaches.
29
E multiplicaches as tuas fornicacións dende a terra de Canaán ata a dos caldeos, e aínda con isto non te fartaches.
30
Que inconstante é o teu corazón! - di Iahveh o Señor - despois de ter feito todas estas cousas, obras dunha prostituta disoluta,
31
edificando os teus lugares altos en todas as encrucilladas dos camiños e facendo os teus altares en tódalas prazas! E non fuches coma unha prostituta, porque non cobrabas por facelo,
32
senón coma unha muller adúltera, que recibe a estraños en lugar do seu marido!
33
Tódalas prostitutas teñen un prezo, pero ti pagabas a todos os teus amantes, e lles dabas presentes, para que de todas partes viñeran a pecar contigo.
34
E aconteceu contigo nas túas fornicacións, o contrario que acontece coas demais mulleres; porque ninguén che pediu para fornicar, pero ti dabas a paga en vez de recibila; Niso fuches diferente!
35
Polo tanto, prostituta, escoita a palabra de Iahveh:
36
Así di Iahveh o Señor: "Porque a túa nudez foi descuberta nas túas fornicacións, e a túa vergoña foi manifestada aos teus amantes e aos teus ídolos, porque lles deches o sangue dos teus propios fillos,
37
por tanto, velaí, Eu reunirei a todos os teus amantes cos que te deleitaches, tanto a todos os que amaches, como a todos os que aborreciches; e reunireinos arredor de ti, e descubrirei a túa nudez, para que eles vexan todas as túas vergoñas.
38
E Eu xulgareite segundo as penas das adúlteras e das homicidas; e descargaréi sobre ti o sangue da ira e dos celos.
39
Heite entregar nas mans deles, e eles destruirán os teus lugares altos e derrubarán os teus altares, despoxarante das túas roupas e levarán as túas xoias, e deixarante espida e núa.
40
E farán subir contra ti unha multitude, e apedrarante, e te descuartizarán coas súas espadas.
41
E queimarán as túas casas con lume, e executarán a túa sentenza á vista de moitas mulleres; e farei que deixes de ser prostituta e que deixes de dar o salario de rameira.
42
Saciarei a miña ira sobre ti, e os meus celos afastaranse de ti; e descansarei e non me anoxarei máis.
43
Porque non te lembraches dos días da túa xuventude e me provocaches a ira con todas estas cousas, velaquí, Eu tamén farei vir a túa conduta sobre a túa cabeza, di Iahveh o Señor, porque nin sequera meditaches en toda a túa luxuria.
44
Velaí, todos os que empregan proverbios, hante aplicar o refrán: "Como a nai, así a filla."
45
Ti es a filla da túa nai, que aborreceu o seu marido e os seus fillos; e es irmá das túas irmás, que rexeitaron os seus maridos e os seus fillos. A vosa nai era hitita, e o voso pai amorreo.
46
E a túa irmá maior é Samaria coas súas vilas, que viven á túa esquerda, e a túa irmá máis nova é Sodoma coas súas vilas, que viven á túa dereita.
47
Non só andaches nos seus camiños e fixeches conforme as súas abominacións; senón que, como se iso fose pouco, aventaxáchela nos seus malos camiños.
48
Como vivo eu! di Iahveh o Señor, que a túa irmá Sodoma e as súas fillas non fixeron como ti e as túas fillas fixestes.
49
Velaí, esta foi a maldade da túa irmá Sodoma: soberbia, fartura de pan e abundancia de pracer tiveron ela e as súas fillas, e non estenderon a súa man ao aflixido e ao pobre.
50
Enchéronse de soberbia e cometeron abominación díante de min; de xeito que cando o vin, quiteinas do medio.
51
De feito, Samaria non cometeu a metade dos teus pecados; porque ti multiplicaches as túas abominacións máis ca elas, e deste modo fixeches parecer xustas ás túas irmás con tódalas abominacións que fixeches.
52
Pois ti, leva tamén a túa vergoña, porque con todos os pecados que fixeches, conseguiches que o xuízo fora máis favorable para as túas imrás, porque envilecécheste máis ca elas, e elas resultaron ser máis xustas ca ti! Deberías avergoñarte ti tamén, e cargar coa afrenta, porque fixeches que as túas irmáns parezan xustas.
53
Mais Eu cambiarei a túa sorte, a sorte de Sodoma e as súas fillas, a sorte de Samaria e as súas fillas, e xunto con elas, a túa propia sorte,
54
para que leves a túa vergoña e sexas avergoñada de todo o que fixeches, e lles sirvas de consolo para elas.
55
E as túas irmás, Sodoma coas súas fillas e Samaria coas súas fillas, volverán á súa condición anterior; e ti e as túas fillas volveredes á vosa condición anterior.
56
Non era digna de mención na túa boca a túa irmá Sodoma no tempo da túa soberbia,
57
antes de que a túa maldade fora descuberta? Así tamén agora levas ti a vergoña das fillas de Siria e de tódalas fillas dos filisteos, que te desprezan por todas partes.
58
Sufre ti o castigo da túa luxuria e das túas abominacións, di Iahveh.
59
Pero aínda máis di Iahveh o Señor: -Farei contigo como fixeches ti comigo, que desprezaches o xuramento para invalidar o pacto?
60
Mais ben, Eu lembrarei o meu pacto que establecín contigo nos días da túa xuventude, e establecerei contigo un pacto eterno.
61
Entón lembrarás os teus camiños e serás avergoñada cando recibas as túas irmás, as maiores ca ti e máis novas ca ti, ás que Eu vou a darche por fillas, pero non por mor do teu pacto,
62
senón polo pacto que Eu confirmarei contigo; e saberás que Eu son Iahveh,
63
para que te lembres e te avergoñes, e non abras máis a boca por mor da túa vergoña, cando Eu perdoe todo o que fixeches, di Iahveh o Señor.