Capítulo 14

1 Entón viñeron a min algúns dos anciáns de Israel e sentaron díante de min. 2 E veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 3 Fillo de home, estes homes puxeron os seus ídolos no seu corazón e poñen a pedra de tropezo da súa maldade díante deles. Hei permitir ser consultado por eles? 4 Por tanto fálalles, e dilles: así di Iahveh o Señor: "Calquera home da casa de Israel que puxese os seus ídolos no seu corazón, poñendo así o tropezo da súa maldade díante da súa faciana, e veña ao profeta, Eu, o Iahveh, respondereille de acordo á multitude dos seus ídolos, 5 á fin de prender á casa de Israel polo seu corazón, porque todos eles se afastaron de min por culpa dos seus ídolos. 6 Por tanto, di á casa de Israel: así di Iahveh o Señor: -Volvédevos e convertédevos dos vosos ídolos, e afastade os vosos rostros de tódalas vosas abominacións! 7 Porque calquera da casa de Israel, ou dos estranxeiros que viven en Israel, que se teña afastado de me seguir, e erixa os seus ídolos no seu corazón, e poña o tropezo da súa iniquidade díante da súa faciana, e veña ao profeta para preguntar por min, Eu, Iahveh, respondereille por min mesmo; 8 Heime encarar contra esa persoa, e poreino por sinal para escarmentar, e cortareino do medio do meu pobo; e saberedes que Eu son Iahveh. 9 E acontecerá que cando o profeta se deixe enganar e fale calquera cousa, Eu, Iahveh, enganarei a ese profeta; e estenderei a miña man sobre el e destruireino do medio do meu pobo Israel. 10 E os dous levarán o castigo da súa maldade; tanto a maldade do que consulte, coma a maldade do profeta, 11 para que a casa de Israel non se afaste máis de min, nin se contaminen máis coas súas transgresións; e eles serán o meu pobo e Eu serei o seu Deus," di Iahveh o Señor. 12 Veu a min a palabra de Iahveh, dicindo: 13 Fillo de home, cando unha terra peque contra min rebelándose perversamente, e Eu estenda a miña man sobre ela, e quebrante o sustento do seu pan, e mande fame a ela, e corte dela homes e animais, 14 se estes tres homes, Noé, Daniel e Xob, estivesen nesa terra, pola súa xustiza librarían as súas vidas, di Iahveh o Señor. 15 E se solto bestas feroces pola terra e a arrasan ata quedar desolada de xeito que non haxa quen poida pasar por mor das feras, 16 e estes tres homes estivesen nela, Como que Eu vivo! -di Iahveh o Señor- non salvarían nin os seus fillos nin as súas fillas; só eles serían salvos, e a terra quedaría desolada. 17 Ou se Eu trouxera a espada sobre aquela terra e dixese: Espada, percorre a terra! E dela cortase a xente e o gando, 18 e se estes tres homes estivesen nela, por vida que Eu vivo! di Iahveh o Señor, non poderían salvar nin os seus fillos nin as súas fillas; só eles serían liberados. 19 Ou se mando unha peste sobre aquela terra e derramo a miña ira sobre ela con sangue, para cortar dela a homes e bestas, 20 e se Noé, Daniel e Xob estiveran no medio dela, porque Eu vivo! di Iahveh o Señor, non poderían salvar nin o seu fillo nin a súa filla; eles só salvarían as súas vidas pola súa xustiza. 21 Por tanto, así di o Iahveh o Señor: canto máis cando Eu mande sobre Xerusalém os meus catro xuízos terribles, a espada, a fame, as bestas feroces e a peste, para cortar dela a persoas e animais? 22 Con todo, velaí, quedará nela un remanente de fillos e fillas que sairán e virán a vós, e entón, ao ver a súa conduta e as súas malas obras entenderedes o mal que mandei sobre Xerusalém, e todas as cousas que trouxen sobre ela. 23 E consolaranvos cando vexades á sua conduta e os seus feitos, e saberedes que non fixen sen causa todo o que fixen nela, di Iahveh o Señor.