Capítulo 6

1 Díxolle Iahveh a Moisés: agora verás o que farei a Faraón; porque pola forza os havos deixar marchar; e pola forza vaivos botar da súa terra. 2 Continuou falando Deus a Moisés, e díxolle: Eu son Iahveh; 3 e aparecinme a Abraham, a Isaac e a Xacob coma Deus Todopoderoso, mais polo meu nome, Iahveh, non me dei a coñecer a eles. 4 Tamén establecín o meu pacto con eles, de lles dar a terra de Canaán, a terra onde peregrinaron. 5 E ademais, escoitei o xemido dos fillos de Israel, porque os exipcios téñenos escravizados, e Eu lembreime do meu pacto. 6 Polo tanto, dille aos fillos de Israel: “Eu son Iahveh, e vouvos tirar de debaixo das cargas dos exipcios, e vouvos librar da súa escravitude, e vouvos redimir con brazo estendido e con castigos grandes. 7 ”E tomareivos por pobo meu, e Eu hei ser o voso Deus; e saberedes que Eu son Iahveh o voso Deus, que vos tirou de debaixo das cargas dos exipcios. 8 E traereivos á terra que xurei dar a Abraham, a Isaac e a Xacob, e héivola dar por herdanza. Eu son Iahveh.” 9 Deste xeito faloulles Moisés aos fillos de Israel, pero eles non escoitaron a Moisés a causa do desalento e da dura servidume. 10 Entón falou Iahveh a Moisés, dicindo: 11 Vai, fálalle a Faraón, rei de Exipto, para que deixe saír os fillos de Israel da súa terra. 12 Pero Moisés falou diante de Iahveh, dicíndolle: velaí, os fillos de Israel non me escoitaron; como, pois, me ha escoitar Faraón, sendo eu torpe de palabra? 13 Entón Iahveh faloulles a Moisés e a Aarón, e deulles ordes para os fillos de Israel e para Faraón, rei de Exipto, a fin de tirar os fillos de Israel da terra de Exipto. 14 Estes son os xefes das casas paternas. Os fillos de Rubén, primoxénito de Israel: Hanoc, Falú, Hezrón, e Carmi. Estas son as familias de Rubén. 15 E os fillos de Simeón: Iemuel, Xamín, Ohad, Xaquín, Zohar e Saúl, fillo dunha cananea. Estas son as familias de Simeón. 16 E estes son os nomes dos fillos de Leví segundo as súas xeracións: Guersón, Coat e Merari. E os anos da vida de Leví foron cento trinta e sete anos. 17 Os fillos de Guersón: Libni e Simei, segundo as súas familias. 18 E os fillos de Coat: Amram, Izhar, Hebrón e Uziel. E os anos da vida de Coat foron cento trinta e tres anos. 19 E os fillos de Merari: Mahli e Musi. Estas son as familias dos levitas segundo as súas xeracións. 20 E Amram tomou por muller a Xocabed, a súa tía, e ela deulle a luz a Aarón e a Moisés, e os anos da vida de Amram foron centro trinta e sete anos. 21 E os fillos de Izhar: Coré, Nefeg e Zicri. 22 E os fillos de Uziel: Misael, Elzafán e Sitri. 23 E Aarón tomou por muller a Eliseba, filla de Aminadab, irmá de Naasón, e ela deulle a luz a Nadab, Abiú, Eleazar e Itamar. 24 E os fillos de Coré: Asir, Elcana e Abiasaf. Estas son as familias dos coreítas. 25 E Eleazar, fillo de Aarón, tomou por muller a unha das fillas de Futiel, e ela deu a luz a Finees. Estes son os xefes das casas paternas dos levitas, segundo as súas familias. 26 Estes son Aarón e Moisés a quen lles dixo Iahveh: tirade os fillos de Israel da terra de Exipto polos seus exércitos. 27 Eles foron os que falaron a Faraón, rei de Exipto, para tirar os fillos de Israel de Exipto, isto é, Moisés e Aarón. 28 E sucedeu que o día que Iahveh falou a Moisés na terra de Exipto, 29 Iahveh faloulle a Moisés, dicindo: Eu son Iahveh; dille a Faraón, rei de Exipto, todo o que eu che diga. 30 Pero Moisés dixo diante de Iahveh: velaí, eu son torpe de palabra, como, pois, me ha escoitar Faraón?