Capítulo 5

1 Despois Moisés e Aarón foron e dixéronlle a Faraón: así di Iahveh, Deus de Israel: “deixa marchar o meu pobo para que me celebre a festa no deserto.” 2 Pero Faraón díxolles: quen é Iahveh para que eu escoite a súa voz e deixe marchar a Israel? Non coñezo a Iahveh, e amais, non hei deixar marchar a Israel. 3 Entón eles dixeron: o Deus dos hebreos saíunos ao encontro. Déixanos marchar, pedímoscho, camiño de tres días ao deserto para ofrecermos sacrificios a Iahveh o noso Deus, non sexa que veña sobre nós con pestilencia ou con espada. 4 Pero o rei de Exipto díxolles: Moisés e Aarón, por que apartades o pobo dos seus traballos? Volvede aos vosos labores. 5 E engadiu Faraón: ollade, o pobo da terra é agora moito, e vós queredes que eles cesen nos seus labores! 6 E naquel mesmo día, deu ordes Faraón aos capataces que estaban sobre o pobo, e aos seus xefes, dicíndolles: 7 xa non daredes, coma antes, palla ao pobo para faceren ladrillos; que vaian eles e recollan a palla por si mesmos. 8 Pero esixiredes deles a mesma cantidade de ladrillos que facían nos días anteriores; non a diminuades no máis mínimo. Porque son preguiceiros, por iso berran, dicindo: “déixanos marchar para ofrecermos sacrificios a noso Deus.” 9 Recárguese o traballo sobre estes homes, para que estean ocupados nel e non presten atención a palabras falsas. 10 Saíron, pois, os capataces do pobo e os seus xefes e faláronlle ao pobo, dicindo: así di Faraón: “non vos hei dar palla. 11 Ide vós mesmos e recollede palla onde a atopedes; pero a vosa tarefa non será diminuída no máis mínimo.” 12 Entón o pobo espallouse por toda a terra de Exipto para recolleren restrollos no lugar de palla. 13 E os capataces apurábanos, dicíndolles: rematade as vosas tarefas, a vosa tarefa decote, coma cando tiñades palla. 14 E azoutaban os xefes dos fillos de Israel que os capataces puxeran sobre eles, dicíndolles: por que non rematastes, nin onte nin hoxe, a cantidade de ladrillos requirida coma antes? 15 Entón os xefes dos fillos de Israel foron e berráronlle a Faraón, dicíndolle: por que tratas así os teus servos? 16 Non se lles dás palla aos teus servos, mais seguen a nos diciren: “facede ladrillos.” Velaí, os teus servos son azoutados; pero a culpa é do teu pobo. 17 Pero el díxolles: sodes preguiceiros, moi preguiceiros; por iso dicides: “déixanos marchar para ofrecermos sacrificios a Iahveh.” 18 Agora pois, ide e traballade; pero non se vos dará palla, non obstante, debedes entregar a mesma cantidade de ladrillos. 19 Os xefes dos fillos de Israel déronse de conta de que estaban en apuros, cando lles dixeron: non debedes diminuír a vosa cantidade cotián de ladrillos. 20 Ao saíren da presenza de Faraón, topáronse con Moisés e Aarón, que os estaban a agardar. 21 E dixéronlles: mire Iahveh sobre vós e xúlguevos, pois fixéstesnos odiosos diante dos ollos de Faraón e diante dos ollos dos seus servos, poñéndolles unha espada na man para que nos maten. 22 Entón volveuse Moisés a Iahveh, e díxolle: meu Señor, por que lle fixeches mal a este pobo? Por que me mandaches? 23 Pois dende que fun a Faraón a falarlle no teu nome, el fíxolle mal a este pobo, e ti non fixeches ren por librares o teu pobo.