Capítulo 3

1 E Moisés apacentaba o rabaño de Xetro seu sogro, sacerdote de Madián; e conduciu o rabaño cara a banda occidental do deserto, e chegou a Horeb, o monte de Deus. 2 E aparecéuselle Iahveh nunha chama de fogo, no medio dunha silva; e Moisés ollou, e velaí, a silva ardía en lume, e a silva non se daba consumido. 3 Entón díxose Moisés: achegareime agora para ver esta marabilla: por que a silva non se dá queimado. 4 Cando Iahveh viu que el se achegaba para ollar, Deus chamouno do medio da silva, e díxolle: Moisés, Moisés! E el respondeu: aquí estou. 5 Entón El díxolle: non te achegues aquí; tira as sandalias dos teus pés, porque o lugar onde estás de pé é terra santa. 6 E engadiu: Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob. Entón Moisés cubriu o seu rostro, porque tiña medo de ollar a Deus. 7 E Iahveh díxolle: Certamente mirei a aflición do meu pobo que está en Exipto, e escoitei os seus berros a causa dos seus capataces, pois coñezo os seus sufrimentos. 8 E descendín para os librar da man dos exipcios, e para tiralos daquela terra a unha terra boa e espazosa, a unha terra que mana leite e mel, ao lugar dos cananeos, dos hititas, dos amorreos, dos ferezeos, dos heveos e dos xebuseos. 9 E agora, velaí, os berros dos fillos de Israel chegaron ata min, e amais mirei a opresión con que os exipcios os oprimen. 10 Agora pois, ven e voute mandar a Faraón, para que tires meu pobo, os fillos de Israel, de Exipto. 11 Pero Moisés díxolle a Deus: quen son eu para ir a Faraón, e tirar os fillos de Israel de Exipto? 12 E El díxolle: porque eu estarei contigo, e o sinal para ti de que son eu o que te enviou será este: cando tires o pobo de Exipto adoraredes a Deus neste monte. 13 Entón díxolle Moisés a Deus: velaí, se vou aos fillos de Israel e lles digo: “o Deus dos vosos pais mandoume a vós,” quizais me digan: “cal é o seu nome?”, que lles vou dicir? 14 E Deus respondeulle a Moisés: EU SON O QUE SON. E engadiu: Deste xeito haslle dicir aos fillos de Israel: “EU SON mandoume a vós.” 15 Díxolle ademais Deus a Moisés: así haslle dicir aos fillos de Israel: “Iahveh, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob, mandoume a vós.” Este é o meu nome para sempre, e con el hase facer memoria de min de xeración en xeración. 16 Vai e xunta os anciáns de Israel, e dilles: “Iahveh, o Deus de vosos pais, o Deus de Abraham, de Isaac e de Xacob, aparecéuseme, dicindo: ‘certamente visiteivos e vin o que se vos fixo en Exipto. 17 E díxenme: fareivos subir da aflición de Exipto á terra do cananeo, do hitita, do amorreo, do ferezeo, do heveo e do xebuseo, a unha terra que mana leite e mel.’” 18 E eles escoitarán a túa voz. E ti has entrar cos anciáns de Israel ao rei de Exipto, e habédeslle: “Iahveh, o Deus dos hebreos, saíunos ao encontro. Agora pois, permite que vaiamos tres días de camiño ao deserto para ofrecermos sacrificios a Iahveh noso Deus.” 19 Pero eu sei que o rei de Exipto non vos deixará marchar, se non é pola forza. 20 Pero eu hei estender a miña man e vou ferir Exipto con tódolos prodixios que hei facer no medio del, e despois disto, havos deixar ir. 21 E heille dar a este pobo graza ante os ollos dos exipcios; e acontecerá que cando vos marchedes, non habedes marcharvos coas mans baleiras. 22 Senón que cada muller pedirá á súa veciña e á que vive na súa casa obxectos de prata, obxectos de ouro e vestidos; e poñerédelos sobre os vosos fillos e sobre as vosas fillas. Así habedes despoxar os exipcios.