1
Un home da casa de Leví foi e tomou por muller unha filla de Leví.
2
E a muller concibiu e deu a luz un fillo; e vendo que era fermoso, escondeuno por tres meses.
3
Pero non podendo ocultalo por máis tempo tomou un cesto de vimbios e calafateouno con asfalto e piche. Entón puxo o neno nel, e colocouno entre os vimbios á beira do Nilo.
4
E a irmá do neno púxose ao lonxe para ver que lle sucedería.
5
E a filla de Faraón baixou a se bañar ao Nilo, e mentres as súas doncelas se paseaban pola ribeira do río, viu o cesto entre os vimbios e mandou unha criada súa para que a trouxera.
6
Ao abrilo, viu o neno, e velaí, o neno estaba a chorar. E tívolle compaixón, e díxose: Este é un dos nenos dos hebreos.
7
Entón a irmá do neno díxolle á filla de Faraón: Queres que vaia e che chame unha nutriz das hebreas para que che críe o neno?
8
E a filla de Faraón respondeulle: Si, vai. E a moza foi e chamou á nai do neno.
9
E a filla de Faraón díxolle: Leva este neno e críamo, e eu dareiche o teu salario. E a muller tomou o neno e criouno.
10
Cando o neno medrou, ela levouno á filla de Faraón, e veu ser fillo seu; e púxolle por nome Moisés, dicindo: Pois tireino das augas.
11
E aconteceu que naqueles días, crecido xa Moisés, saíu onde estaban seus irmáns e viu os seus duros traballos; e viu un exipcio golpeando un hebreo, un dos seus irmáns.
12
Entón mirou ao redor e cando viu que non había ninguén, matou o exipcio e agachouno na area.
13
E ao día seguinte saíu e viu a dous hebreos que rifaban, e díxolle ao culpable: Por que golpeas o teu compañeiro?
14
E el respondeulle: Quen che puxo de príncipe ou de xuíz sobre nós? Estás a pensar en me matares coma mataches o exipcio? Entón Moisés tivo medo, e díxose: Certamente divulgouse o asunto.
15
Cando Faraón soubo do asunto, tratou de matar a Moisés pero Moisés fuxiu da presenza de Faraón e foise vivir á terra de Madián, e alí sentouse xunta un pozo.
16
E o sacerdote de Madián tiña sete fillas, as cales foron tirar auga e encheron os píos para daren de beber ao rabaño de seu pai.
17
Entón viñeron uns pastores e botáronas de alí, pero Moisés ergueuse e defendeunas, e deu de beber ao seu rabaño.
18
Cando elas volveron a Reuel, o seu pai, el díxolles: Por que volvestes tan pronto hoxe?
19
Respondéronlle elas: Un exipcio librounos da man dos pastores; e a máis tirounos auga e deu de beber ao rabaño.
20
E el díxolles a súas fillas: E ulo? Por que deixastes o home? Convidádeo a que coma algo.
21
Moisés accedeu morar con aquel home, e el deulle súa filla Séfora a Moisés.
22
E ela deu a luz un fillo, e Moisés púxolle por nome Gersón, porque se dixo: Peregrino son en terra estranxeira.
23
E aconteceu que pasado moito tempo, morreu o rei de Exipto. E os fillos de Israel xemían a causa da servidume, e berraron; e os seus berros, a causa da servidume, subiron a Deus.
24
Ouvíu Deus o seu xemido, e lembrouse Deus do seu pacto con Abraham, Isaac e Jacob.
25
E ollou Deus os fillos de Israel, e Deus tívoos en conta.