Capítulo 1

1 Estes son os nomes dos fillos de Israel que foron a Exipto con Jacob; cada un foi coa súa familia: 2 Rubén, Simeón, Leví e Xudá; 3 Isacar, Zabulón e Benxamín; 4 Dan, Neftalí, Gad e Aser. 5 Tódalas persoas que descenderon de Jacob foron setenta almas, pois Xosé estaba xa en Exipto. 6 E morreu Xosé, e tódolos seus irmáns, e toda aquela xeración. 7 Pero os fillos de Israel foron fecundos e aumentaron moito, e multiplicáronse e chegaron a seren poderosos en gran maneira, e a terra encheuse deles. 8 E ergueuse sobre Exipto un novo rei que non coñecera a Xosé; 9 E díxolle ao seu pobo: velaí, o pobo dos fillos de Israel é máis numeroso e máis forte ca nós. 10 Procedamos, pois, astutamente contra del non sexa que se multiplique, e no caso de entrarmos en guerra, se una tamén cos que nos odian e pelexe contra nós e marche da terra. 11 Entón puxeron sobre eles capataces para oprimilos con duros traballos. Deste xeito edificaron para Faraón as cidades de almacenaxe, Pitón e Ramsés. 12 Pero canto máis os oprimían, máis se multiplicaban e máis se estendían, de xeito que os exipcios chegaron a temer os fillos de Israel. 13 Os exipcios, pois, obrigaron os fillos de Israel a traballaren duramente, 14 e amargáronlles a vida con dura servidume en faceren barro e ladrillos e en toda clase de traballo do campo; e en tódolos traballos que tiveron que facer por mor da opresión. 15 Entón o rei de Exipto faloulles ás parteiras das hebreas, unha delas chamábase Sifra, e a outra Puá. 16 E díxolles: cando esteades asistindo ás hebreas a dar a luz, e as vexades sobre o leito do parto, se é un fillo, darédeslle morte, mais se é filla, entón vivirá. 17 Pero as parteiras temían a Deus, e non fixeron coma o rei de Exipto lles mandara, senón que deixaron con vida os nenos. 18 Polo tanto o rei de Exipto fixo chamar ás parteiras e díxolles: por que fixestes isto, e deixastes con vida os nenos? 19 Responderon as parteiras a Faraón: porque as mulleres hebreas non son coma as exipcias, pois son robustas e dan a luz antes que a parteira chegue onda elas. 20 E Deus favoreceu as parteiras; e o pobo multiplicouse e chegou ser moi poderoso. 21 E sucedeu que por temeren as parteiras a Deus, El concedeulles moitos descendentes. 22 Entón Faraón ordenou a todo o seu pobo, dicíndolle: todo fillo que naza botarédelo ao Nilo, e a toda filla deixarédela con vida.