1 Entón Moisés chamou a todo Israel e dixo: "Escoita Israel, os estatutos e ordenanzas que vos falo hoxe nos vosos ouvidos para que os aprendades e os poñades por obra. 2 Iahveh o noso Deus fixo un pacto con nós en Horeb. 3 Non fixo este pacto cos nosos pais senón con todos nós, todos aqueles de nós que estamos vivos aquí. 4 Iahveh falou con vós cara a cara dende o medio do lume no monte, 5 naquela ocasión eu estaba entre Iahveh e vós para darvos a coñecer a palabra de Iahveh, xa que tiñades moito medo por causa do lume e non subistes ao monte. E El dixo: 6 Eu son Iahveh o teu Deus , que te saquei da terra de Exipto, da casa de escravitude. 7 Non terás outros deuses diante de min. 8 Non te farás ningún ídolo, nin imaxe algunha do que está arriba no ceo, nin abaixo das augas, nin debaixo da terra. 9 Non te has axeonllar ante elas nin lles servirás, porque Eu son Iahveh o teu Deus, Deus celoso, que visito o pecado dos pais sobre os fillos, e ata a terceira e a cuarta xeración dos que me aborrecen, 10 pero que teño misericordia coa milésima dos que me aman e gardan os meus mandamentos. 11 Non has tomar en van o nome de Iahveh o teu Deus, porque Iahveh non terá por inocente a quen tome o seu nome en van. 12 Has gardar o día de repouso para santificalo como mandou Iahveh o teu Deus. 13 Has traballar por seis días e farás todo o teu traballo, 14 mais o sétimo día é o día de repouso para Iahveh. Non farás ningún traballo, nin ti nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu boi, nin o teu asno, nin ningún dos teus animais, nin o estranxeiro que vive nas túas cidades, para que o teu servo e a túa serva descansen coma ti. 15 Lembra que fuches escravo na terra de Exipto, e que Iahveh o teu Deus te sacou de alí con man forte e brazo estendido, por iso, Iahveh o teu Deus mándache que gardes o día de repouso. 16 Dá honor a teu pai e a túa nai, como Iahveh o teu Deus cho mandou, para que os teus días sexan prolongados sobre a terra que Iahveh che dá. 17 Non has cometer homicidio. 18 Non has cometer adulterio. 19 Non has roubar. 20 Non has declarar en falso contra o teu próximo. 21 Non has cobizar a muller do teu próximo, nin desexarás a casa do teu próximo, nin o seu eido, nin o seu servo, nin a súa serva, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada que sexa do teu próximo. 22 Iahveh falou estas palabras diante de toda a asemblea no monte, de entre o medio do lume, da escuridade e das tebras, con voz potente e non engadiu máis nada. E escribiunas en táboas de pedra e deumas. 23 E cando escoitastes a voz de entre medio da escuridade, mentres o monte ardía en lume, achegástevos a min, todos os xefes das vosas tribos e os vosos anciáns. 24 E dixestes: Velaí que Iahveh o noso Deus amosounos a súa gloria e a súa grandeza e escoitamos a súa voz do medio do lume. Hoxe vimos que Deus lle fala ao home e este pode sobrevivir. 25 Agora pois, por que habemos de morrer? Porque este grande lume devoraranos. Se seguimos a escoitar a voz de Iahveh, morreremos. 26 Porque, quen é o mortal que escoitou a voz do Deus vivo falando do medio do lume, como nós, e sobreviviu? 27 Achégate ti, e escoita o que Iahveh o noso Deus di, entón dinos todo o que Iahveh o noso Deus che diga, e habémolo escoitar e facer. 28 E Iahveh sentiu o son das vosas palabras mentres me falabades e díxome: Escoitei as palabras deste pobo, o que eles che falaron; ben falado en todo canto che dixeron. 29 Quen me dera que eles sempre tivesen tal corazón que me temesen e gardasen sempre todos os meus mandamentos para que lles fose ben a eles e a seus fillos para sempre! 30 Vai e dilles: Volvede ás vosas tendas. 31 Mais ti, queda comigo, para que Eu che diga todos os mandamentos, os estatutos e os decretos que lles ensinarás, para que os cumpran na terra que lles dou como posesión. 32 E teredes coidado de facer como Iahveh o voso Deus vos mandou, non vos desviedes nin á dereita nin á esquerda. 33 Andade polo camiño que Iahveh o teu Deus che mandou co fin de que vivades e vos vaia ben e prolonguedes os vosos días na terra que ides posuír.