1
O primeiro relato que che escribín, Teófilo, falaba de tódalas cousas que Xesús comezou a facer e ensinar,
2
ata o día no que foi recibido arriba, logo de dar instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
3
A estes, tamén, despois do seu padecemento, presentouse vivo con moitas probas indubidables, aparecéndoselles por corenta días e falándolles das cousas do reino de Deus.
4
E estando con eles, mandoulles que non saíran de Xerusalém, senón que agardaran a promesa do Pai: a que, lles dixo, oístes de min;
5
pois Xoán bautizou con auga, pero vós seredes bautizados co Espírito Santo de aquí a poucos días.
6
Entón os que estaban reunidos, preguntábanlle, dicindo: -Señor, restablecerás neste tempo o reino a Israel?
7
El díxolles: -Non é de voso saber os tempos nin as ocasións que o Pai acordou pola súa propia autoridade;
8
pero recibiredes poder cando o Espírito Santo veña sobre vós; e me seredes testemuñas en Xerusalém, en toda a Xudea e a Samaria, e mesmo ata os confíns da terra.
9
Logo de dicir estas cousas, foi alzado á vista deles, e unha nube ocultouno dos seus ollos.
10
E mirando fixamente ao ceo mentres El ascendía, aconteceu que se lles presentaron dous varóns con vestiduras brancas,
11
que lles dixeron: -Galileos, por que estades a mirar ao ceo? Este mesmo Xesús, que foi tomado de entre vós cara o ceo, volverá do mesmo xeito, así como o vistes ir camiño ao ceo.
12
Entón regresaron a Xerusalém dende o monte das Oliveiras, que está preto de Xerusalém, camiño dun día de repouso.
13
Entrando na vila, subiron ao apousento que tiñan no piso superior onde estaban aloxados Pedro, Xoán, Xacobe e Andrés, Felipe e Tomás, Bartolomé e Mateo, Xacobe fillo de Alfeo, Simón o Zelote e Xudas, fillo de Xacobe.
14
Todos eles estaban unánimes, adicados á oración xunto coas mulleres e María, a nai de Xesús, e os seus irmáns.
15
Por aquel tempo Pedro ergueuse no medio dos irmáns (un grupo como de cento vinte persoas que estaban alí reunidas) e dixo:
16
-Varóns irmáns, era necesario que tivera cumprimento a escritura que predixo o Espírito Santo por boca de David sobre Xudas, o que guiou aos que prenderon a Xesús.
17
Porque era dos nosos e tivera parte neste ministerio.
18
(Este, de feito, fíxose cun campo cos cartos da súa maldade e caendo de cabeza, rebentou polo medio, e tódalas súas tripas quedaron espalladas pola eira.
19
Tal cousa foi sabida por todos os que vivían en Xerusalém, de maneira que aquel lugar foi nomeado na súa propia lingua Acéldama, que ven sendo así como un campo pequeno de sangue).
20
Pero está escrito nos Salmos: "Que sexa feita deserta a súa morada, e non haxa quen habite nela; e: que outro tome o seu cargo".
21
Polo tanto é necesario, que de todos os homes que nos acompañaron o tempo todo que o Señor Xesús viviu entre nós,
22
dende o bautismo de Xoán, ata o día que foi recibido arriba de entre nós, sexa un constituido testemuña da súa resurreción xunto con nós.
23
E propuxeron a dous: Xosé, chamado Barsabás, de sobrenome Xusto, e Matías.
24
E orando dixeron: -Ti, Señor, que coñeces o corazón de todos, indícanos a cal destes dous escolliches
25
para que ocupe este ministerio apostólico, do que Xudas se extraviou para ir camiño a onde lle correspondía.
26
Botáronlles sortes, e caeu a sorte en Matías, e foi contado xunto cos once apóstolos.