Capítulo 3

1 E houbo unha guerra longa entre a casa de Saúl e a casa de David, mais David ía fortalecéndose, e a casa de Saúl debilitándose cada vez máis. 2 A David nacéronlle fillos en Hebrón: o seu primoxénito foi Amón, fillo de Ahinoam a iesreelita; 3 o segundo, Quileab, de Abigail, viúva de Nabal do Carmel; o terceiro, Absalom, fillo de Maaca, filla de Talmai, rei de Gesur; 4 o cuarto, Adonías, fillo de Haguit; o quinto, Sefatías, fillo de Abital; 5 o sexto, Itream, de Egla, muller de David. Estes nacéronlle a David en Hebrón. 6 E aconteceu que durante a guerra entre a casa de Saúl e a casa de David, Abner fortalecíase na casa de Saúl. 7 E Saúl tiña unha concubina que se chamaba Rizpa, filla de Aiá. Entón Is-boset díxolle a Abner: -Por que te achegaches á concubina do meu pai? 8 Entón Abner anoxouse moito por mor das palabras de Is-boset, e dixo: -Seica son cabeza de can para Xudá? Ata hoxe estou a amosar bondade coa casa do teu pai Saúl, cos seus irmáns e cos seus amigos, e non te entreguei na man de David; e ti acúsasme agora dun delito con esta muller? 9 Que Deus faga isto a Abner, e aínda máis, se non fago cumprir o que Iahveh xurou a David: 10 para transferir o reino da casa de Saúl e establecer o trono de David sobre Israel e sobre Xudá dende Dan ata Beerseba. 11 E el non puido responder nada a Abner porque lle tiña medo. 12 Entón Abner mandou mensaxeiros a David por si, dicindo: -De quen é a terra? E engadindo: -Fai un pacto comigo, e velaquí, a miña man estará contigo para facer que todo Israel se volva a ti. 13 E el respondeu: -Ben. Farei un pacto contigo, pero pídoche unha cousa: non verás a miña faciana a non ser que cando veñas a verme, veña contigo Mical, filla de Saúl. 14 Entón David mandou mensaxeiros a Is-boset, fillo de Saúl, dicindo: -Dáme a miña muller Mical, coa que me desposei por cen prepucios dos filisteos. 15 Entón Is-boset mandou a tomala do seu home, Paltiel, fillo de Lais. 16 E o seu home foi con ela chorando, e seguiuna ata Bahurim. Entón Abner díxolle: -Vaite, volve! E el foise. 17 E Abner celebrou consello cos anciáns de Israel, dicindo: -Durante moito tempo procurastes que David fose rei sobre vós. 18 Agora pois, facédeo así porque Iahveh falou de David, dicindo: "Pola man do meu servo David salvarei o meu pobo Israel da man dos filisteos e da man de todos os seus inimigos." 19 Abner falou tamén aos ouvidos dos benxaminitas; e ademais foi a Hebrón para dicirlle a David todo o que lle parecía ben a Israel e a toda a casa de Benxamín. 20 Cando Abner chegou onda David en Hebrón, con vinte homes con el, David preparou un banquete para Abner e os homes que estaban con el. 21 E Abner dixo a David: -Levantareime e irei a reunir a todo Israel para o meu señor o rei, para que fagan un pacto contigo, e sexas rei sobre todo o que o teu corazón desexe! Entón David despediu a Abner, e el foi en paz. 22 Velaí, os servos de David e Ioab chegaron dunha incursión e trouxeron con eles moito botín; pero Abner non estaba con David en Hebrón, porque el despedírao e el marchara en paz. 23 Cando chegou Ioab e todo o exército que estaba con el, informárono dicindo: -Abner, fillo de Ner, veu xunto o rei e el despediuno, e marchou en paz. 24 Entón Ioab foi onda o rei e dixo: -Que fixeches? Velaquí, Abner veu a ti; por que, pois, o despediches e el marchou? 25 Ti coñeces a Abner, fillo de Ner, que veu para te enganar, para coñecer as túas saídas e as túas entradas, e para saber todo o que fas! 26 E cando Ioab saíu de onde David estaba, mandou mensaxeiros tras de Abner, e trouxérono dende o pozo de Sira sin que David o soubera. 27 E cando Abner volveu a Hebrón, Ioab levouno aparte no medio da porta para falarlle en privado, e aló feriuno no seu ventre, e morreu por causa do sangue do seu irmán Asael. 28 Cando David soubo disto dixo: -Eu e o meu reino somos inocentes diante de Iahveh por sempre do sangue de Abner, fillo de Ner! 29 Que recaia o seu sangue sobre a cabeza de Ioab e sobre toda a casa do seu pai! Que nunca falte na casa de Ioab un que teña fluxo, ou gafo, ou que se sustente cun caxato, ou que morra a espada, ou que teña necesidade de pan! 30 Así Ioab e o seu irmán Abisai mataron a Abner porque el matara a Asael, o seu irmán, na batalla de Gabaón. 31 E David dixo a Ioab e a todo o pobo que estaba con el: -Rasgade as vosas roupas, cinguídevos de saco e chorade diante de Abner. E o propio rei David ía detrás do ataúde. 32 E sepultaron a Abner en Hebrón; e o rei levantou a súa voz e chorou ao pé do sepulcro de Abner, e todo o pobo chorou tamén. 33 E o rei entoou unha lamentación por Abner, e dixo: -Debería morrer Abner como morre un insensato? 34 As túas mans non estaban atadas, nin os teus pés postos en grillóns. Caes como un que cae diante dos malvados.

E todo o pobo volveu chorar e lamentarse por el.

35 E todo o pobo chegou onda David para persuadilo a comer algo mentres aínda era de día, pero David xurou, dicindo: -Fágame Deus isto e aínda máis se antes de poñerse o sol probo pan ou calquera cousa! 36 Cando o pobo soubo disto, viuno con agrado. Todo canto facía o rei, parecíalle ben ao pobo. 37 Deste xeito todo o pobo e todo Israel entendeu nese día que non era do rei o propósito da morte de Abner, fillo de Ner. 38 Entón o rei dixo aos seus servos: -Non sabedes que hoxe caeu un príncipe e un home grande en Israel? 39 Hoxe en día son feble a pesar de ser unxido rei, mentres estes homes, os fillos de Sarvia, son máis violentos ca min. Que Iahveh pague ao malfeitor conforme a súa maldade!