Capítulo 24

1 Unha vez máis acendeuse a ira de Iahveh contra Israel, e incitou a David contra eles para que ordenara: -Vai, fai un censo de Israel e de Xudá. 2 E o rei dixo a Ioab, comandante do exército que estaba con el: -Vai por todas as tribos de Israel, dende Dan ata Beerseba, e facede un censo do pobo, para que saiba o número da xente. 3 Pero Ioab dixo ao rei: -Que Iahveh o teu Deus engada ao pobo cen veces máis do que é, e que o meu señor o rei o vexa! Pero por que se agrada neste asunto o meu señor o rei? 4 Pero a palabra do rei prevaleceu sobre Ioab e os comandantes do exército. E saíu Ioab e os comandantes do exército da presenza do rei para facer o censo do pobo de Israel. 5 Pasaron o Xordán e acamparon en Aroer, á dereita da cidade que está no medio do val de Gad, cara Iázer. 6 E foron para Galaad e para a terra de Tahtim-hodsi; e foron para Dan-xaán e dobraron cara Sidón; 7 e foron á fortaleza de Tiro e a tódalas cidades dos heveos e dos cananeos, e saíron cara o sur de Xudá, a Beerseba. 8 Percorrendo así toda a terra, volveron a Xerusalém ao cabo de nove meses e vinte días. 9 E Ioab deu ao rei o número do censo do pobo: en Israel había oitocentos mil homes valentes que sacaban espada, e os de Xudá cincocentos mil homes. 10 Pero despois de que David fixo contar o pobo, o seu corazón sentiuse aflixido, e dixo a Deus: -Pequei moito no que fixen. E agora, Ó Iahveh, pídoche que quites a iniquidade do teu servo, porque actuei coma un necio. 11 Cando David se ergueu pola mañá, a palabra de Iahveh veu ao profeta Gad, vidente de David, dicindo: 12 -Vai e di a David: -Así di Iahveh: ofrézoche tres cousas; escolle unha delas para que eu a faga. 13 E Gad foi onda David e fíxollo saber, dicíndolle: -Queres que veñan sete anos de fame sobre ti na túa terra, ou que fuxas por tres meses diante dos teus inimigos mentres te perseguen, ou que haxa tres días de peste na túa terra? Agora pensa e decide que resposta hei devolver a quen me mandou. 14 E David respondeu a Gad: -Estou moi anguriado, pero é mellor caer nans mans de Iahveh porque as súas misericordias son moitas, que non caer nas mans dos homes. 15 Entón Iahveh mandou unha peste sobre Israel dende a mañá ata o tempo sinalado; e morreron do pobo dende Dan ata Beerseba, setenta mil homes. 16 E aconteceu que cando o anxo estendeu a súa man cara Xerusalém para destruíla, Iahveh compadeceuse por esa desgraza e díxolle ao anxo que estaba destruíndo o pobo: -Xa está ben! Detén agora a túa man! E o anxo de Iahveh estaba xunto á eira de Arauna o iebuseo. 17 E cando David viu o anxo que estaba a ferir o pobo, díxolle a Iahveh: -Velaquí, son eu o que pequei e eu o que fixen mal; pero estas ovellas, que fixeron? Que a túa man veña sobre min e sobre a casa de meu pai! 18 Ese mesmo día Gad foi onda David e díxolle: -Subide e edificade un altar a Iahveh na eira de Arauna iebuseo. 19 E David subiu conforme a palabra de Gad, como Iahveh mandara. 20 Arauna mirou e viu o rei e os seus servos que viñan cara a el; e saíu Arauna e prostrouse rostro en terra diante do rei. 21 E preguntou Arauna: -Por que veu o meu señor o rei ao seu servo? E David respondeu: -Para mercarche a eira para edificar un altar a Iahveh, a fin de deter a mortandade do pobo. 22 E Arauna dixo a David: -Tome e ofreza meu señor o rei o que mellor lle pareza: velaí, os bois para o holocausto, e os troncos e os xugos dos bois como leña. 23 Todo, Ó rei, Arauna dállo ao rei! Tamén lle dixo Arauna ao rei: - Iahveh o teu Deus teña favor contigo! 24 Pero o rei díxolle a Arauna: -Non, senón que de certo comprareino por prezo, porque non ofrecerei holocaustos a Iahveh o meu Deus que non me custaron nada. E David comprou a eira e os bois por cincuenta siclos de prata. 25 Entón David edificou alí un altar a Iahveh e ofreceu holocaustos e ofrendas de paz. E Iahveh respondeu á súa súplica pola terra e cesou a praga en Israel.