Capítulo 3

1 Amados, esta é a segunda carta que vos escribo, nas que esperto en vós o voso limpo entendemento, 2 para que lembredes as palabras que antes dixeron os santos profetas, e o mandamento do Señor e Salvador manifestado polos vosos apóstolos. 3 Tede presente isto: que nos derradeiros días virán burladores coa súa retranca, seguindo as súas propias paixóns, 4 e dicindo: "onde está a promesa da súa vinda? Porque dende que morreron os pais, todo segue tal e como estaba dende o principio da creación". 5 E cando din isto, non queren decatarse de que no primeiro tempo os ceos foron feitos pola palabra de Deus e maila terra que provén da auga e pola auga é que subsiste; 6 polo que o mundo de entón desapareceu sendo inundado pola auga; 7 mais os ceos e a terra actuais están reservados pola súa palabra para o lume, gardados para o día do xuízo e da perdición dos impíos. 8 Pero, amados, non ignoredes isto: que para o Señor un día é coma mil anos e mil anos coma un día. 9 O Señor non está a retrasar a súa promesa, mesmo que algúns consideran que tarda, senón que é paciente con vós, non querendo que ninguén pereza, senón que todos teñan oportunidade de se converteren. 10 Mais o día do Señor virá coma un ladrón, no que os ceos desaparecerán con grande estrondo, e os elementos se han disolver con lume intenso, e a terra e as obras que hai nela serán descubertas. 11 Xa que todas estas cousas se han disolver, que clase de persoas cómpre que sexades para vivirdes santa e piadosamente! 12 Agardando e apresurando a vinda do día do Señor, na que os ceos serán disoltos polo lume e os elementos derreterán pola grande calor! 13 Mais, segundo a súa promesa, nós agardamos novos ceos e nova terra, onde vive a xustiza. 14 Por iso, amados, mentres agardades estas cousas, procurade con dilixencia que El vos atope en paz, sen mancha e irreprensibles. 15 E considerade a paciencia do noso Señor como salvación, así como vos escribiu o noso irmán amado Paulo, segundo a sabedoría que lle foi dada. 16 Como tamén, fala disto nas súas cartas, nas que hai algunhas cousas difíciles de entender, que os ignorantes e inestables retorcen - como tamén fan co resto das Escrituras - para perdición deles. 17 Polo tanto, amados, xa que sodes sabedores destas cousas, estade atentos non sexa que caiades da vosa firmeza arrastrados polo erro da xente libertina; 18 mais ben, crecede na graza e no coñecemento do noso Señor e Salvador Xesús Cristo. A El sexa a gloria, agora e ata o día da eternidade.