1
Pero houbo tamén falsos profetas de entre o pobo, así como haberá falsos mestres de entre vós, os que arteiramente introducirán herexías destrutoras, negando aínda ao Señor que os comprou, traendo sobre si mesmos unha súbita destrución.
2
Moitos seguirán a súa sensualidade libertina, e por causa deles, o camiño da verdade será blasfemado,
3
e na súa cobiza, explotaranvos con palabras manipuladoras. Hai moito tempo que a sentenza deles está pronunciada e a súa perdición non está a durmir.
4
Pois Deus non perdoou os anxos cando pecaron, senón que os botou no Tártaro e os entregou aos foxos de tebras, reservados para o xuízo;
5
e non perdoou o mundo antigo, senón que gardou a Noé, pregoeiro de xustiza, con outros sete, cando trouxo o diluvio sobre un mundo de impíos,
6
e condenou a destrución ás cidades de Sodoma e Gomorra, reducíndoas a cinzas, poñéndoas de exemplo para os que haberían vivir impiamente.
7
Pero rescatou o xusto Lot, atormentado polo comportamento lascivo de xentes libertinas
8
(porque este xusto que vivía entre eles día tras día sentía a súa alma atormentada polos feitos inmorais que vía e escoitaba);
9
o Señor, entón, sabe rescatar da tentación os piadosos e reservar os inxustos baixo castigo ata o día do xuízo.
10
Especialmente a aqueles que andan tras dos desexos corrompidos da carne e desprezan a autoridade. Ousados e arrogantes, que non tremen cando maldín dos poderes superiores,
11
cando os anxos, que son maiores en forza e en poder, non ditan xuízo inxurioso contra deles diante do Señor.
12
Mais estes, coma animais irracionais, nacidos para seren cazados e mortos, blasfemando do que ignoran, tamén han ser destruídos coa morte destas criaturas,
13
sufrindo o mal como pago da súa iniquidade. Contan como deleite andar en praceres todo o día; son manchas e inmundicias que se deleitan nos seus enganos mentres comen alegremente convosco.
14
Tendo os ollos cheos de adulterio nunca paran de pecar; seducindo as almas inestables e tendo o corazón exercitado na cobiza; son fillos de maldición!
15
Deixando o camiño recto, perdéronse, seguindo o camiño de Balaam, fillo de Beor, quen amou o pago da inxustiza;
16
mais foi reprendido pola súa transgresión, xa que unha burra muda, falando con voz humana, reprimiu a tolería do profeta.
17
Estes son fontes secas, brétema empurrada pola treboada, para os que está reservada a escuridade das tebras.
18
Pois falando con arrogancia e fachenda, seducen polos desexos sensuais da carne, aos que ían fuxindo dos que viven no erro.
19
Prométenlles liberdade, mentres eles mesmos son escravos da corrupción, xa que un é escravo daquilo que o venceu.
20
Porque tratando de fuxir das inmundicias do mundo polo coñecemento do noso Señor e Salvador Xesús Cristo, enrédanse de novo e déixanse vencer por elas; e a súa condición final vén ser peor que a anterior.
21
Seríalles mellor non ter coñecido o camiño da xustiza, que téndoo coñecido, volverse atrás do santo mandamento que lles foi dado.
22
Pasoulles como naquel proverbio: "o can volve ao seu vómito, e a porca lavada, volve a envorcarse na lama".