Capítulo 1

1 Simón Pedro, servo e apóstolo de Xesús Cristo aos que recibiron unha fe como a nosa, pola xustiza do noso Deus e Salvador, Xesús Cristo: 2 Graza e paz vos sexan multiplicadas no coñecemento de Deus e de Xesús o noso Señor. 3 O seu divino poder concedeunos todo canto precisamos no tocante á vida e á piedade, por medio do verdadeiro coñecemento daquel que nos chamou polas súas proezas gloriosas, 4 por medio das que nos concedeu as preciosas e marabillosas promesas, para que por elas cheguedes a ser partícipes da natureza divina, fuxindo da corrupción do mundo por causa dos praceres destrutivos. 5 Por iso mesmo vós tamén, engadide con dilixencia a vosa fe virtude, e á virtude, coñecemento; 6 e ao coñecemento, dominio propio, o dominio propio, paciencia; e á paciencia, piedade, 7 á piedade, agarimo de irmáns e polo agarimo de irmáns, o amor. 8 Porque, se estas cousas están en vós e abundan, non vos deixarán ser nugalláns nin estériles no verdadeiro coñecemento do noso Señor Xesús Cristo. 9 Porque o que non ten presente estas cousas é cego ou curto de vista, xa que esqueceu a purificación dos pecados pasados. 10 Así que, irmáns, sede tanto máis dilixentes para facer firme o voso chamado e elección; porque mentres fagades estas cousas nunca tropezaredes; 11 e deste xeito concederásevos ampla entrada no reino eterno do noso Señor e Salvador Xesús Cristo. 12 Polo tanto, eu sempre estarei preparado para lembrarvos estas cousas, aínda que vós xa as sabedes e fostes confirmados na verdade que está presente en vós. 13 Pois teño por xusto mentres estea neste corpo, animarvos lembrándovos estas cousas, 14 sabendo que a miña separación do corpo terreal é inminente, tal e como o declarou o noso Señor Xesús Cristo. 15 Tamén eu tentarei con dilixencia despois da miña partida, que poidades lembrar estas cousas sempre. 16 Porque non vos demos a coñecer o poder e a vinda do noso Señor Xesús Cristo seguindo contos de vellas, senón que fomos testemuñas oculares da súa maxestade. 17 Pois cando El recibiu honor e gloria de Deus Pai, a maxestuosa gloria fíxolle esta declaración: "Este é o meu Fillo, meu Amado en quen me comprazo". 18 Nós mesmos escoitamos esta voz chegada dende o ceo, cando estabamos con El no monte santo. 19 Temos a palabra profética máis segura, á que facedes ben en prestar atención como a unha lámpada que brilla en lugar escuro, ata que o día despunte e a estrela da mañá resplandeza nos vosos corazóns. 20 Entendendo primeiro isto, que ningunha profecía da Escritura é cousa de interpretación persoal, 21 porque ningunha profecía tivo a súa orixe nun acto de vontade humana, senón que as persoas que falaron de parte de Deus foron inspiradas polo Espírito Santo.