1
E aconteceu que no ano noveno do seu reinado, no décimo mes, no décimo día do mes, Nabucodonosor, rei de Babilonia, chegou con todo o seu exército contra Xerusalém, e acampou contra ela erguendo torres e muros arredor dela.
2
E a cidade foi sitiada ata o ano undécimo do rei Sedequías.
3
No noveno día do cuarto mes, a fame prevaleceu na cidade, ata que non había pan para o pobo da terra.
4
Entón abriuse unha fenda na cidade; e de noite todos os homes de guerra fuxiron polo camiño do portón que estaba entre os dous muros, xunto ao xardín do rei, mentres os caldeos rodeaban a cidade; e o rei fuxiu camiño de Arabá.
5
Pero o exército dos caldeos perseguiu o rei e alcanzouno nas chairas de Iericó; mentres todo o seu exército espallábase por todas partes.
6
Prenderon, pois, ao rei e levárono diante do rei de Babilonia en Ribla, e pronunciaron sentenza en contra del.
7
E mataron os fillos de Sedequías diante del, e sacáronlle os ollos a Sedequías, e atárono con cadeas de bronce e levárono a Babilonia.
8
E no quinto mes, no sétimo día do mes, é dicir, no ano de dezaoito de Nabucodonosor, rei de Babilonia, chegou a Xerusalém Nabuzaradán, capitán da garda, servo do rei de Babilonia.
9
E queimou o Templo de Iahveh, e a casa do rei, e tódalas casas de Xerusalém; e prendeu lume a todas as casas dos príncipes.
10
E todo o exército dos caldeos que estaba co capitán da garda, derrubou os muros que rodeaban Xerusalém.
11
E Nabuzaradán, capitán da garda, levou cativos a todos cantos quedaran na cidade, aos que desertaran para pasarse ao rei de Babilonia, e ao resto da multitude.
12
Pero aos máis pobres da terra, Nabuzaradán, capitán da garda, deixounos para seren viñateiros e labregos.
13
E os caldeos fixeron anacos as columnas de bronce que había na casa de Iahveh, así como as bases, e o mar de bronce que había na casa de Iahveh, e levaron o bronce a Babilonia.
14
Levaron tamén as caldeiras, as paletas, os cántaros, as culleres e todos os utensiliods de bronce cos que se servía;
15
Do mesmo xeito que os incensarios, as copas e todo o que era de ouro, e de prata; todo levou o capitán da garda.
16
E en canto as dúas columnas, o mar único e as bases que Salomón fixera para a casa de Iahveh non era posible calcular o peso de bronce deles.
17
A altura de cada columna era de dezaoito cóbados, e sobre ela había un capitel de bronce; a altura do capitel era de tres cóbados, e sobre o capitel había unha rede e granadas esculpidas arredor, todo de bronce; o mesmo traballo había na outra columna coa súa rede.
18
E o capitán da garda colleu o sumo sacerdote Seraías, e o sacerdote segundo Sofonías e os tres gardas do portón do templo;
19
e da cidade colleu un oficial que estaba a cargo dos homes de guerra, e a cinco conselleiros do rei que estaban na cidade, e o escriba principal do exército que alistaba á xente do país, e a sesenta homes do pobo da terra que estaban na cidade.
20
A estes colleunos Nabuzaradán, capitán da garda, e levounos a Ribla ao rei de Babilonia.
21
E o rei de Babilonia feriunos e matounos en Ribla, na terra de Hamat. Así foi exiliado Xudá da súa terra e levado en cativerio.
22
E sobre a xente que Nabucodonosor, rei de Babilonia, deixara na terra de Xudá, puxo por gobernador a Gedalías, fillo de Ahicam, fillo de Safán.
23
E aconteceu que cando todos os oficiais do exército, así como os seus homes, escoitaron que o rei de Babilonia nomeara a Gedalías por gobernador, viñeron a el a Mizpa: Ismael, fillo de Natanaías, Ioanán, fillo de Carea, Seraías, fillo de Tanhumet, netofatita, e Iazanías, fillo dun maacateo, eles cos seus compañeiros.
24
E Gedalías fíxolles un xuramento a eles e aos seus homes, e díxolles: -Non teñades medo de ser servos dos caldeos; habitade na terra e servide ao rei de Babilonia, e havos ir ben.
25
Pero no sétimo mes, Ismael, fillo de Natanaías, fillo de Elisama e da descendencia real, veu con dez homes, e atacou a Gedalías, que morreu xunto cos xudeos e os caldeos que estaban con el en Mizpa.
26
Entón todo o pobo, dende o máis pequeno ao máis grande, cos capitáns do exército levantáronse e foron para Exipto, porque tiñan medo dos caldeos.
27
E aconteceu que no ano trinta e sete da deportación de Ioaquín, rei de Xudá, no mes doce, no día vinte e sete do mes; Evil-merodac, rei de Babilonia, no primeiro ano do seu reino, liberou a Ioaquim, rei de Xudá, e sacouno do cárcere;
28
e faloulle con bondade, e puxo o seu trono máis alto que os tronos dos reis que estaban con el en Babilonia.
29
E mudoulle as súas roupas de prisioneiro, e comeu sempre diante del, todos os días da súa vida.
30
E proporcionóuselle un sustento constante de parte do rei, todos os días da súa vida.