Capítulo 17

1 No ano doce de Acaz, rei de Xudá, Oseas, fillo de Ela, comezou a reinar en Samaria sobre Israel, e reinou nove anos. 2 E fixo o que era malo aos ollos de Iahveh, aínda que non como os reis de Israel que foran antes del. 3 E subiu contra el Salmanasar, rei dos asirios, e Oseas foi feito o seu súbdito pagándolle tributos. 4 Pero o rei de Asiria descubriu que Oseas conspiraba contra el, porque mandara embaixadores a So, rei de Exipto, e xa non lle pagaba tributo ao rei de Asiria como facía cada ano; así que o rei da Assiria prendeuno e púxoo na cadea. 5 Entón o rei de Asiria subiu contra todo o país, e sitiou a Samaria por tres anos. 6 E no ano noveno de Oseas, o rei de Asiria conquistou Samaria, e levou a Israel cativo a Asiria, e fixo que habitara en Halah, en Habor, xunto ao río Gozan, e nas cidades dos medos. 7 Porque os fillos de Israel pecaran contra Iahveh o seu Deus, que os sacara da terra de Exipto, de baixo a man de Faraón, rei de Exipto, adorando a deuses estranxeiros, 8 e camiñando segundo os costumes das nacións que Iahveh botara de diante dos fillos de Israel, e segundo os que estableceran os reis de Israel. 9 E os fillos de Israel fixeron en segredo cousas que non eran rectas contra Iahveh o seu Deus, e edificaron lugares altos en tódalas súas cidades, dende as torres dos vixías ata as cidades fortalecidas, 10 e ergueron estatuas e altares de Asera en todo outeiro alto e debaixo de toda árbore verde; 11 e queimaron alí incenso en todos os lugares altos, como as nacións que Iahveh levara cativas de diante deles. Fixeron cousas moi malas para provocar a ira de Iahveh, 12 porque serviron aos ídolos, sobre os que Iahveh lles dixera: non faredes tal cousa! 13 E Iahveh advertiu a Israel e a Xudá por medio de tódolos profetas e de tódolos videntes, dicindo: - Volvédevos dos vosos malos camiños, e gardade os meus mandamentos e estatutos, conforme a toda a lei que Eu ordenei aos vosos pais, e que vos mandei por medio dos meus servos os profetas. 14 Pero eles non obedeceron, senón que endureceron o seu pescozo como os testáns dos seus pais, que non creron en Iahveh o seu Deus. 15 E rexeitaron os seus estatutos, e o pacto que fixera cos seus pais, e os testemuños que El lles mandara; e seguiron a vaidade, e eles mesmos se fixeron vans, e foron tras as nacións que estaban arredor deles, das que Iahveh lles mandara que non fixesen como elas. 16 E abandonaron todos os mandamentos de Iahveh o seu Deus, e fixeron imaxes fundidas de dous becerros e unha Asera, e adoraron a todo o exército dos ceos, e serviron a Baal. 17 E fixeron pasar os seus fillos e as súas fillas polo lume, e practicaron feitizos e adiviñacións, e entregáronse a facer o malo aos ollos de Iahveh, para provocalo a ira. 18 Por iso Iahveh anoxouse moito contra Israel, e botounos da súa presenza; non quedou senón só a tribo de Xudá. 19 Mais nin tan sequera Xudá gardou os mandamentos de Iahveh o seu Deus, senón que camiñaron nos estatutos que Israel establecera. 20 Entón Iahveh rexeitou a toda a descendencia de Israel, e aflixiunos e entregounos en mans de saqueadores ata que os botou de diante da súa presenza. 21 Porque cando arrincou a Israel da casa de David, eles fixeron rei a Ieroboam, fillo de Nabat. E Ieroboam afastou a Israel de seguir a Iahveh, e fíxoos pecar grandemente. 22 E os fillos de Israel camiñaron en todos os pecados que Ieroboam cometera; non se afastaron deles, 23 ata que Iahveh apartou a Israel da súa presenza, tal e como dixera por medio de tódolos seus servos os profetas; e Israel foi levado cativo da súa terra a Asiria, ata hoxe. 24 E o rei de Asiria trouxo xente de Babilonia, de Cuta, de Ava, de Hamat e de Sefarvaim, e púxoos nas cidades de Samaria, en lugar dos fillos de Israel; e ocuparon Samaria e viviron nas súas cidades. 25 E aconteceu que ao principio de vivir alí, como non temían a Iahveh, Iahveh mandou leóns contra eles que mataron a moitos deles. 26 Entón dixéronlle ao rei de Asiria: -As nacións que ti trasladaches e puxeches nas cidades da Samaria, non coñecen o costume do Deus daquela terra; por iso El mandou leóns no medio delas, e velaquí, os leóns están a matalos porque non coñecen o costume do Deus desa terra. 27 E o rei de Asiria deulles as seguintes instrucións: -Levade alí a un dos sacerdotes que trouxestes de alá, para que vaia e habite alí, e poida ensinarlles o costume do Deus desa terra. 28 Entón veu un dos sacerdotes que levaran cativos de Samaria, e viviu en Betel, e ensináballes como temer a Iahveh. 29 Mais cada unha das nacións fixo os seus deuses, e puxéronos nos templos dos lugares altos que fixeran os samaritanos para cada unha das nacións nas cidades onde vivían. 30 Deste xeito, os de Babilonia adoraban a Sucot-benot, os de Cuta a Nergal, e os homes de Hamat a Asima. 31 Os heveos a Nibhaz e a Tartac, e os de Sefarvaim queimaban os seus fillos no lume para adorar a Adramelec e a Anamelec, deuses de Sefarvaim. 32 Aínda que temían a Iahveh, nomeáronse de entre eles sacerdotes dos lugares altos que ofrecían sacrificios a favor deles nos templos dos lugares altos. 33 De modo que temían a Iahveh e honraban os seus deuses, segundo o costume das nacións de onde foran levados cativos. 34 Ata o día de hoxe, fan tal e como acostumaban: non temen a Iahveh nin gardan os seus estatutos e ordenanzas, nin fan conforme a lei e os mandamentos que Iahveh ordenara aos fillos de Xacob, a quen chamou Israel; 35 Iaveh fixera un pacto con eles, e ordenáralles dicindo: -Non temeredes outros deuses, nin os adoraredes, nin os serviredes, nin lles ofreceredes sacrificios, 36 senón só a Iahveh, que vos sacou da terra de Exipto con gran poder e brazo estendido, a el temeredes, a el serviredes e a el ofreceredes sacrificios. 37 Atenderedes os estatutos, as ordenanzas, o ensino e os mandamentos que vos escribiu para poñelos en práctica sempre; non temeredes outros deuses, 38 nin esqueceredes o pacto que fixen convosco, nin temeredes a outros deuses; 39 senón que temeredes a Iahveh o voso Deus, e El libraravos da man de todos os vosos inimigos. 40 Pero eles non escoitaron, senón que fixeron segundo o seu antigo costume. 41 Así pois aquelas nacións reverenciaban a Iahveh, pero ao mesmo tempo rendían culto ás súas imaxes. E os seus fillos e os seus netos, ata hoxe, fan tal e como facían os seus pais.