Capítulo 16

1 Pero aconteceu que no ano trinta e seis do reinado de Asa, Baasa, rei de Israel, subiu contra Xudá e fortificou Ramah, para non deixar saír nin entrar a ninguén que axudara a Asa, rei de Xudá. 2 Enton Asa sacou a prata e o ouro dos tesouros da casa do Señor e da casa real e enviou mensaxes a Ben-Hadad, rei de Siria, que estaba en Damasco, dicindo: 3 fagamos unha alianza xuntos como houbo entre o teu pai e o meu pai. Velaquí que che envío prata e ouro. Veña, rompe a túa alianza con Baasa, rei de Israel, para que se aparte de min. 4 Ben-Hadad escoitou o rei Asa e enviou aos seus xefes de exército contra as cidades de Israel, e devastaron Lión, Dan, Abel-Maim e as cidades de almacenamento de Neftalí. 5 Cando Baasa o soubo, deixou de fortificar Ramah e fixo parar as obras. 6 Entón o rei Asa trouxo a todo Xudá e levaron de Ramah as pedras e os madeiros cos que Baasa estaba a fortificala, e con elas reedificou Gueba e Mizpa. 7 Naquel tempo, o vidente Hanani foi onda Asa, rei de Xudá, e díxolle: "xa que te apoiaches no rei de Siria e non en Iahveh, o teu Deus, escapóuche das túas mans o exército do rei de Siria. 8 Os etíopes e os libios non eran un exército moi numeroso, con carros e moita xente de a cabalo? Pero, porque te apoiache en Iahveh, El entregounos na túa man. 9 Porque os ollos de Iahveh percorren toda a terra para mostrar a súa forza en favor daqueles que teñen o corazón íntegro para con El. Fuches tolo neste asunto, porque de agora en diante haberá sempre guerra contra ti!". 10 Asa enfureceuse contra o vidente e colocouno na cadea, porque estaba encolerizado por iso. E Asa oprimiu tamén a algúns do pobo nese tempo. 11 Os feitos de Asa, os primeiros e os últimos, están escritos no libro dos reis de Xudá e de Israel. 12 No ano trinta e nove do seu goberno, Asa enfermou gravemente dos pés, pero na súa enfermidade non buscou a Iahveh, senón aos médicos. 13 E Asa durmiu cos seus pais, e morreu no ano corenta e un do seu goberno. 14 Foi soterrado no seu sepulcro que se cavara na Cidade de David, que encheron de todo tipo de perfumes e de toda clase de ungüentos e aromas, preparados segundo a arte da perfumería, e prenderon unha grande fogueira na sua honra.