Capítulo 2

1 Polo tanto, exhorto, a que primeiramente, se fagan peticións, oracións, rogos e accións de grazas por tódalas persoas; 2 polos reis e por todos os que están en postos de autoridade, para que poidamos vivir tranquilos e repousadamente en toda piedade e honestidade. 3 Isto é o que vale e o aceptable diante de Deus noso Salvador, 4 quen desexa que todas as persoas sexan salvas e acaden o pleno coñecemento da verdade; 5 porque hai un único Deus, e un único mediador entre Deus e as persoas, Cristo Xesús home, 6 quen se entregou en rescate por todos, como evidencia no tempo sinalado. 7 Para isto fun posto como predicador e apóstolo (digo verdade e non minto), como mestre dos xentís na fe e na verdade. 8 Polo tanto, quero que os homes oren en todo lugar levantando mans santas, sen ira nin discusión. 9 Así mesmo que as mulleres tamén se engalanen con roupa decorosa, con reverencia e asisadamente, non con trenzas, e ouro, e perlas, e roupa moi custosa; 10 máis ben, como convén ás mulleres que profesan a verdadeira piedade. 11 A muller aprenda en paz en toda suxeición. 12 Non lle permito á muller ensinar nin exercer autoridade sobre o marido, senón que viva quedamente. 13 Porque Adán foi formado o primeiro, e despois Eva. 14 E Adán non foi seducido senón a muller, que sendo completamente enganada, caeu en transgresión. 15 Pero será rescatada a través da maternidade, se con bo xuízo permanecen na fe, no amor e na santidade.